Verán en Caldas

A Ludoteca de Caldas despídese ata o próximo verán

Hoxe puxemos o broche final a un verán cheo de aventuras cunhas divertidísimas Olimpíadas Familiares, nas que nenos, nenas e familiares participaron en xogos populares como o pano, a corda, rá, a cola de burro ou as canicas. A competitividade estivo moi presente, pero sempre acompañada de risas, compañeirismo e moitas ganas de pasalo ben.

Para rematar a mañá, desfrutamos dunha merenda especial, desas que son un pouco máis ricas en azucre do habitual… pero un día é un día!. Ademais, os xogos e a música acompañáronnos ata o último minuto, facendo desta despedida unha celebración inesquecible.

Queremos aproveitar esta ocasión para agradecer ás familias a confianza depositada en nós durante todo o verán e felicitar á nosa rapazada por encher cada día a Ludoteca de alegría, ilusión e momentos únicos.

Grazas por acompañarnos nesta aventura. Desexámosvos un feliz curso e agardamos vervos de novo o próximo verán.

Ata pronto! 

Agosto chega ao seu final na Ludoteca de Caldas entre música, turismo, deporte e moita diversión

A Ludoteca de Verán de Caldas de Reis continúa vivindo os seus últimos días cunha programación chea de actividades que combinan aprendizaxe, creatividade, deporte e convivencia. Tanto os participantes da Ludoteca Lúdica como os da Ludoteca Deportiva gozaron dunha semana moi especial na que descubriron novos intereses, coñeceron mellor a súa contorna e compartiron momentos inesquecibles cos seus compañeiros e compañeiras.

Un dos momentos máis destacados foi a visita dalgúns compoñentes da Banda Municipal de Música de Caldas de Reis, que achegou á rapazada ao fascinante mundo da música. Os nenos e nenas puideron coñecer diferentes instrumentos, descubrir como funciona unha banda, a Escola de música e mesmo experimentar tocando algúns dos instrumentos. Esta actividade espertou a curiosidade de moitos participantes e permitiulles achegarse dun xeito divertido ao mundo musical, espertaríamos algunha vocación musical?

Ao longo da semana, na Ludoteca Lúdica realizáronse numerosas actividades creativas adaptadas ás diferentes idades. Elaboráronse xeados con cartón, ras de cartolina, variñas máxicas con materiais reciclados, pinturas inspiradas en Caldas de Reis e diferentes obradoiros artísticos que puxeron a proba a imaxinación da rapazada. Tamén houbo baile, xogos de construción, xogos musicais, ioga infantil e propostas cooperativas que encheron cada xornada de movemento e diversión.

A cultura e o coñecemento da vila tamén tiveron un papel protagonista. Tras intentar ata en dúas ocasións unha andaina turística por Caldas, o mal tempo soamente nos permitiu unha visita virtual de lugares emblemáticos da nosa vila. Gracias a Mónica, da oficiña de Turismo de Caldas, os nenos e as nenas puideron coñecer  mellor a historia, os recursos e os lugares máis visitados da nosa vila. Mencionarvos que a pesar do tempo, puidéronse selar os pequenos pasaportes que preparáramos para a ocasión, incluso co selo credencial de turismo de Caldas que con tanto agarimo usou a nosa guía Mónica.

Na Ludoteca Deportiva, a actividade física continuou sendo unha das grandes protagonistas. Os participantes desfrutaron de xogos como o brilé, o Datchball e o popular «atrapa a bandeira», ademais de iniciarse no béisbol, aprendendo as súas normas básicas e participando en emocionantes partidos nos que non faltaron as carreiras polas bases e o traballo en equipo.

A igualdade tamén estivo presente durante a semana a través dunha conversa sobre as mulleres no deporte, unha actividade que permitiu reflexionar sobre a importancia da igualdade de oportunidades e dar visibilidade ás deportistas que abriron camiño en diferentes disciplinas.

O gran peche da semana chegou coa visita do Club Roli, que realizou unha exhibición e un taller de Hapkido para toda a rapazada. Os participantes puideron descubrir esta arte marcial, aprender algúns dos seus movementos básicos e coñecer valores como o respecto, a disciplina, o esforzo e o autocontrol, nunha actividade que espertou un enorme interese entre os nenos e nenas.

Pouco a pouco o verán vai chegando ao seu final, pero na Ludoteca continuamos a demostrar que cada día pode converterse nunha nova aventura. Música, deporte, creatividade, turismo, igualdade e convivencia mesturáronse unha vez máis para ofrecer á rapazada unha semana chea de aprendizaxes e momentos especiais.

A conta atrás para despedir o verán xa comezou…

Bo día familias!!!

Penúltima gran aventura do verán na Ludoteca de Caldas!

Esta semana a nosa rapazada continuou desfrutando dun montón de actividades antes de despedirnos dun novo  verán. Houbo deporte, xogos de equipo, arte, creatividade, retos, excursións e, como non podía faltar, moitas risas e momentos compartidos.

Os nosos Peixiños e Pulpiños están a ser uns auténticos artistas e exploradores. Crearon uvas con materiais reciclados, pintaron con burbullas de xabón, elaboraron un precioso acuario e deixaron voar a súa imaxinación con actividades de pintura, grafismos e xogos cooperativos. Tamén gozaron de sesións de ioga, cine e xogos no patio, demostrando que a diversión non entende de idade. 

Os grupos dos maiores, Churreiros, Tomboleiros e Xoieiros, viviron unha semana chea de descubrimentos. Deseñaron banderíns en mosaico, achegáronse ao mundo do teatro creando as súas propias caretas, participaron en xogos de pistas para liberar a Drake e a Monito, puxeron a proba a súa velocidade e coordinación con retos por equipos e traballaron valores tan importantes como o respecto e a convivencia a través dun obradoiro sobre os distintos tipos de familia e a creación de escudos de súper heroes contra o bullying

Na Ludoteca Deportiva non houbo nin un minuto para aburrirse. O luns descubriron o hóckey practicando conducións, pases e tiros a portería; o martes chegou o lacrosse e unha divertida rotación por diferentes deportes; o mércores puxeron en marcha a súa estratexia no clásico “Atrapa a bandeira” e completaron a xornada cun taller de manualidades; o xoves a emoción continuou co datchball, fútbol e baloncesto. Unha semana intensa na que a actividade física foi a gran protagonista.

O venres toda a Ludoteca deixou por unhas horas Caldas para gozar dunha das actividades máis esperadas do verán: a derradeira excursión do verán á Praia do Terrón. Pequenos e maiores compartiron unha mañá de xogos, area, auga e convivencia, poñendo o broche de ouro a unha semana fantástica. 

Entre pinceis, sticks, teatros, súper heroes, xogos de velocidade, bandeiras, praia e moitas aventuras, seguimos enchendo a mochila de recordos deste verán. E se algo temos claro é que a nosa rapazada xa podería montar unha compañía de teatro, un equipo profesional de hóckey e ata unha expedición de exploradores… todo ao mesmo tempo!

Case rematando familias!!… 

Boa semana para todas e todos!!

Semana de San Roque na Ludoteca de Caldas: cor, música e moita festa!!

Esta semana a Ludoteca de Caldas sumouse ao ambiente das Festas de San Roque cun programa cheo de actividades, diversión e celebración. Entre bailes, xogos, arte, retos, pintacaras e visitas moi especiais, a rapazada gozou dunha semana na que foi imposible quedar quieto máis de cinco minutos.

Comezamos o luns con moito ritmo grazas a unha exhibición e taller práctico de ximnasia rítmica, onde os nenos e nenas descubriron piruetas, coordinación e movementos sorprendentes. A xornada rematou cunha auténtica batalla de baile na que quedou demostrado que na Ludoteca hai máis artistas dos que pensabamos…jejejeje

O martes chegou a quenda da creatividade. A pintura tomou o protagonismo e os participantes convertéronse en auténticos artistas, enchendo a Ludoteca de cor e imaxinación. Entre pinceladas e moito entusiasmo, non faltaron tampouco os momentos para compartir e desfrutar en grupo.

O mércores vivimos unha das actividades máis esperadas da semana: unha gran xincana con retos, adiviñas, estatuas musicais e procura de tesouros escondidos. Houbo carreiras, probas superadas e moitas risas. Ademais, a visualización da película “Intercambiados” permitiunos reflexionar sobre valores tan importantes como a empatía, o respecto e a comprensión dos demais.

O xoves chegou a gran Festa das Cores, que puxo o broche de ouro á semana. Tivemos karaoke, xogos, tatuaxes, pintacaras e unha saída sorpresa para ver os tradicionais cabezudos e xigantes das festas animados polos gaiteiros. A rapazada tamén mostrou todo o aprendido durante a semana cunha actuación de baile que arrancou aplausos e sorrisos.

Mentres tanto, na Ludoteca Deportiva tampouco faltou a acción. A ximnasia rítmica, o fútbol, os xogos deportivos, os baños nos aspersores para combater a calor e as actividades relacionadas coas festas fixeron que os/as participantes desfrutasen dunha semana moi activa.

E así despedimos unha semana marcada polo espírito festivo de San Roque. Entre música, cor, deporte e amizade, vivimos días inesquecibles que quedarán gardados na memoria da nosa rapazada. Agora toca seguir coas últimas aventuras deste verán, porque na Ludoteca de Caldas aínda quedan moitas historias por contar.

Boa semana familias!!

Primeira semana de agosto: Natureza, deporte e mais aventuras na Ludoteca de Caldas

Comezamos o mes de agosto na Ludoteca con risas, xogos, creatividade e algunha que outra carreira para merendar. Entre follas, flores, deportes, contos, reciclaxe e excursións, a rapazada demostrou unha vez máis que en Caldas sabemos aproveitar o verán ao máximo.

PEIXIÑOS E PULPIÑOS

Os máis pequenos comezaron o mes xogando e facendo novos amigos e amigas con xogos cooperativos, bailes e sesións de ioga. Tamén puxeron a súa parte artística creando pulseiras con elementos da natureza, bolboretas de cores, estampacións con follas e fermosos mandalas. Ademais, converteron froitas en deliciosos batidos (xunto ao resto de compañeiros/as) e participaron en xogos por estacións cheos de retos e diversión.

CHURREIROS

Os Churreiros déronlle a benvida a agosto coñecendo a temática da semana e ao xa famoso Draki. Recolleron follas e elementos naturais para aprender sobre as estacións do ano, crearon cadros con flores e outros elementos da natureza,  descubriron os segredos da reciclaxe, relaxáronse con sesións de ioga e ata se converteron en auténticos artistas realizando autorretratos. Un segredo familias!!, este grupiño apunta maneiras de futuros pintores… ou polo menos de expertos en cola e témperas.

TOMBOLEIROS E XOIEIROS

Este mes de agosto tomboleiros e xoieiros unen forzas para compartir aventuras e coñecerse mellor. Participaron en xogos de presentación, traballaron a igualdade elaborando a súa propia “Árbore da Igualdade” e exploraron a natureza recollendo follas, flores e plantas para crear fermosos cadros naturais. Tamén houbo bailes co Just Dance, contacontos de princesas, xogos de construción, xogos con pelota e actividades para aprender a importancia de reducir, reutilizar e reciclar.

LUDOTECA DEPORTIVA

Na Ludoteca Deportiva non houbo tempo para quedar parado. Practicaron bádminton, baloncesto, balonmán e mesmo un sorprendente billar deportivo onde os corpos substituíron aos paus de billar. Tamén participaron nunha charla da Garda Civil sobre o uso seguro das redes sociais, xogaron ao Conogol, ao Colpbol e ao Kin-Ball, e aprenderon primeiros auxilios co seu novo amigo Hulk, que lles ensinou como actuar ante emerxencias. Porque ser deportista e aventureiro está moi ben, pero saber coidar dos demais está aínda mellor.

A GRAN AVENTURA DA SEMANA

O venres chegou un dos momentos máis esperados: a excursión ao Gaiás, na Cidade da Cultura de Santiago. Mentres os/as pequechos/as tiveron tempo de xogo nos parques “moi guais” e visitaron aos patos do lago, a rapazada deportiva da Ludoteca visitou dúas exposicións interactivas nas que descubriron as estacións do ano e coñeceron a evolución da tecnoloxía.

Despedímonos xa familias!!, toca prepararse para unha semana moi especial, porque Caldas xa empeza a ulir a festa; celebraremos San Roque, unha das citas máis esperadas do verán, e na Ludoteca tamén nos uniremos ao ambiente festivo con actividades cheas de cor, música, xogos e moitas sorpresas.

Comezamos a cargar as pilas e as ganas de festa… porque esta semana vai a ser inesquecible.

Un saúdo familias!!

A ludoteca de Caldas despide xullo entre tesouros, risas e moitas emocións

A última semana de xullo puxo o broche de ouro a un mes inesquecible na Ludoteca de Caldas de Reis. Durante estes días, os diferentes grupos da Ludoteca Lúdica (Peixiños, Pulpiños, Churreiros, Tomboleiros e Xoieiros) e os participantes da Ludoteca Deportiva desfrutaron dunha programación chea de xogos, saídas, obradoiros, deporte, aventuras e momentos que quedarán para sempre na memoria do verán.

Na Ludoteca Lúdica, os máis pequenos continuaron vivindo grandes experiencias. Os peixiños e pulpiños gozaron de xogos populares, circuítos motores, actividades cooperativas, creación de lapiceiros con materiais reciclados e ademais, prepararon con moita ilusión un photocall para a gran festa de despedida de xullo.

Pola súa banda, os Tomboleiros, Xoieiros e Churreiros viviron unha semana moi especial compartindo unha actividade interxeracional cos avós e avoas do Fogar do Maior na Tafona, onde xogaron á petanca, á chave e á ra. Tamén visitaron Entreaugas, nunha mañá chea de baños e diversión. A maiores os Xoieiros descubriron que eran os vinilos, e coñeceron o clube de baloncesto As Urracas co que participaron nun taller..

Mentres tanto, na Ludoteca Deportiva, as actividades non pararon nin un minuto. Os participantes puxeron a proba as súas habilidades en estacións de xadrez, rugby, xogos cooperativos, balonmán e numerosos retos deportivos. Tamén participaron nun divertido scape room (“Haters & Lovers”) e recibiron a visita do club de baloncesto As Urracas, que lles ensinou novos xogos e técnicas relacionadas co baloncesto.

Unha das actividades máis refrescantes e esperadas da semana foi a gran Festa da Auga, na que participaron todos os grupos da Ludoteca. Pistolas de auga, xogos cooperativos, carreiras, risas e moitos chapuzóns improvisados axudaron a combater as altas temperaturas destes días. Destacar tamén que outro dos momentos destacados foi a visita do equipo de Iberluffa, unha iniciativa asentada en Caldas de Reis dedicada á produción de esponxas naturais e biodegradables.

Todos os grupos tiveron a oportunidade de coñecer de preto este interesante proxecto, descubrir como se cultivan e transforman as luffas e participar en actividades e obradoiros relacionados co seu uso. Os máis pequenos incluso empregaron as esponxas para realizar creacións artísticas, mentres que os maiores participaron en xogos e retos relacionados co mundo das luffas.

Pero familias!, o momento máis esperado chegou o venres coa Gran Busca do Tesouro, unha actividade na que a Ludoteca Lúdica e a Deportiva uniron forzas para superar probas, resolver retos, buscar pistas escondidas e atopar o ansiado tesouro. Houbo anuncios imposibles, torres que case se derrubaban, saltos a pata coxa dignos dunha olimpíada e bromas que fixeron rir a toda a Ludoteca. Finalmente, todos os grupos lograron completar a misión e recibir a súa merecida recompensa.

E como toda gran aventura merece un gran final, a semana rematou cunha festa chea de música, xogos, bailes, merenda compartida e entrega de diplomas. Foi un momento moi especial porque, ademais de celebrar todo o vivido durante xullo, tamén serviu para despedir a moitos nenos e nenas que rematan aquí a súa participación na Ludoteca de verán. Houbo abrazos, fotos, risas e incluso algunha cariña triste por ter que dicir «ata logo» aos amigos e amigas cos que compartiron tantas aventuras. Pero se algo quedou claro é que durante este mes construíronse amizades, aprendizaxes e recordos que seguirán acompañando á rapazada moito despois de que remate o verán.

Desde a Ludoteca queremos agradecer ás familias a súa confianza e felicitar a todos os nenos e nenas por converter este xullo nun mes fantástico. Xullo remata, pero os recordos quedan. Familias, grazas por formar parte desta gran aventura e ata a próxima.

Comezamos agosto!!

Ata a vindeira noticia…boa semana!!

Seguimos pasándoo en grande!

A Ludoteca de Caldas  segue chea de movemento. Esta semana os nosos nenos e nenas  convertéronse en artistas, músicos, deportistas, exploradores e ata detectives. Entre xogos, bailes, manualidades, desafíos deportivos e misterios por resolver, a rapazada non tivo nin un minuto para aburrirse.

Houbo maracas feitas con material reciclado, cancións inventadas, disfraces sorprendentes, xogos cooperativos, actividades de igualdade e moitas aventuras ao aire libre. E, por se fora pouco, rematamos a semana cunha expedición ás Dunas e ao Faro de Corrubedo, onde descubrimos paisaxes espectaculares e demostramos que os nosos aventureiros creativos están máis que preparados para explorar calquera recuncho da illa.

A continuación, deixámosvos un pequeno resumo das aventuras de cada grupo:

PEIXIÑOS E PULPIÑOS

Os máis pequenos e pequenas gozaron dunha semana chea de creatividade e imaxinación. Crearon caretas, xeados artísticos, marionetas e participaron en actividades musicais, xogos cooperativos, teatro de sombras e festas de disfraces.

CHURREIROS

A diversión chegou da man de xogos como “Adiviña o porquiño”, “Adiviña o animal” e “O chan é lava”. Tamén realizaron manualidades, elaboraron maracas con material reciclado e convertéronse en pequenos detectives seguindo pistas por todo o recinto.

XOIEIROS

A música foi a gran protagonista da semana. Descubriron os vinilos e os tocadiscos, construíron maracas recicladas, crearon portadas de discos e mesmo compuxeron a súa propia canción para a Ludoteca. Entre bailes, xogos musicais e actividades de igualdade, demostraron que o ritmo non faltou nin un só día.

TOMBOLEIROS

Os Tomboleiros celebraron, xogaron, bailaron e experimentaron coa música. Participaron nunha exhibición de ximnasia rítmica, construíron instrumentos reciclados, practicaron xogos tradicionais e resolveron un misterioso código secreto que os converteu en auténticos detectives.

LUDOTECA DEPORTIVA

A actividade física foi a protagonista. A semana comezou cunha visita ás pozas termais de Caldas e continuou con sesións de frisbee, baile, bádminton, voleibol, tenis de mesa e grandes xogos de equipo.

Tamén houbo espazo para reflexionar sobre a igualdade mediante dinámicas participativas. Como gran aventura final, os nenos e nenas desfrutaron dunha saída ás Dunas e ao Faro de Corrubedo.

Familias, outra semana máis chea de aprendizaxes, amizades, descubrimentos e moitas risas. Cada día é unha nova aventura e xa estamos preparados para descubrir que nos deparará a vindeira semana!!

Boa semana, ata a seguinte noticia…

Semana de deporte e moita enerxía na Ludoteca Deportiva!

Esta semana na Ludoteca Deportiva non houbo tempo para aburrirse. Os nosos nenos e nenas convertéronse en auténticos deportistas, probando diferentes modalidades e demostrando que teñen enerxía para dar e tomar.

Ao longo da semana practicaron baloncesto, balonmán, voleibol e atletismo, descubrindo que encestar, marcar goles, facer saques imposibles ou correr detrás dun relevo é moito máis divertido cando se fai en compañía dos amigos e amigas. Houbo grandes xogadas, carreiras moi disputadas e, sobre todo, moitas risas.

Tamén tivemos a sorte de recibir a visita do Club Número Phi, que nos achegou ao mundo do taekwondo a través dun interesante taller. Os/as participantes aprenderon algúns movementos básicos e demostraron que, aínda que algún/ha soñaba con converterse nun “ninja profesional”, o importante era pasalo ben e aprender algo novo.

O venres puxemos o broche final á semana cunha saída por Caldas. Aproveitamos para gozar do entorno e rematamos a xornada na Carballeira cun emocionante xogo de «Atrapa a Bandeira» por equipos. Houbo estratexias dignas dunha película de espías, carreiras a toda velocidade e algún que outro intento de camuflaxe que non enganou a ninguén.

Despois de tantos deportes e aventuras, podemos confirmar que a motivación segue tan alta como o primeiro día… aínda que algunhas pernas seguramente pediron un pequeno descanso ao chegar á casa!

Seguimos sumando experiencias, aprendizaxes e momentos inesquecibles nun verán cheo de deporte, amizade e diversión.

Semana de aventura, creatividade e diversión na Ludoteca lúdica

Esta semana os nenos e nenas da Ludoteca Lúdica volveron encher cada recuncho de ilusión, creatividade e ganas de aprender.

Os /as Xoieiros/as: historias, igualdade e moita imaxinación

O grupo dos/as Xoieiros/as converteuse por uns días en artistas e contadores de historias. Realizaron un interesante taller de igualdade sobre as mulleres na historia e divertíronse con xogos de mímica que provocaron moitas risas.

Ademais, deron vida ao conto «O paxaro Pichi», unha historia creada por eles mesmos que posteriormente comezaron a transformar nun pequeno teatro. Para completar a experiencia teatral, realizaron sesións de maquillaxe artística, converténdose nos protagonistas da súa propia representación.

Tamén visitaron o novo Xardín Botánico de Caldas, onde puideron descubrir diferentes especies vexetais e desfrutar dunha agradable xornada en contacto coa natureza.

Os máis pequenos e pequenas: unha semana con moito ritmo

Os máis pequenos e pequenas da Ludoteca viviron unha semana centrada na música e no movemento. Realizaron numerosos xogos musicais, inventaron bailes, pintaron inspirándose nos diferentes sons e ritmos e gozaron de divertidos contos motores.

Entre as súas actividades favoritas estiveron xogos como o semáforoo espelloo baile das momias e diferentes xogos de relevos, nos que demostraron que teñen enerxía para dar e tomar.

Os Tomboleiros e as Tomboleiras: emocións e o misterio de Peluchito

O grupo dos/as Tomboleiros/as dedicou parte da semana a traballar as emocións a través de xogos e dinámicas que lles permitiron coñecerse mellor e compartir experiencias cos compañeiros e compañeiras.

Participaron en xogos como Aliens, xogos de agrupacións e Todos somos rivais, pero sen dúbida un dos momentos máis emocionantes foi a gran procura de Peluchito, a mascota do grupo. A través dunha divertida xincana tiveron que seguir pistas e resolver desafíos ata atopalo. Unha vez recuperado, decidiron construírlle unha auténtica casa, activando así toda a súa creatividade. Ademais, realizaron sesións de debuxo libre e traballaron coa técnica stencil, creando composicións moi orixinais. Ao igual que Xoieiros, tamén tiveron unha visita guiada ao Xardín Botánico de Caldas, compartindo esta experiencia coa natureza. 

Os/as Churreiros/as: xogos, fantasía e a busca de Monito

Os/as Churreiros/as  participaron en diferentes xogos e dinámicas como «Quen está falando?»«O gran tesouro do bosque»«Pinta e corre»«Animais e as súas sombras» e «Que quero ser de maior?», nas que puxeron a proba a súa imaxinación, capacidade de observación e creatividade. Tamén gozaron dun divertido taller de maquillaxe de fantasía, no que apareceron personaxes sorprendentes, animais fantásticos e moitas caras cheas de cor.

Destacamos dentro da semana unha visita moi especial: Taekwondo para todos os grupos

O xoves todos os grupos reallizaron un taller de taekwondo gracias á colaboración do Clube Número Phi, un taller moi interesante no que se  achegaron a esta disciplina deportiva aprendendo movementos básicos e descubrindo valores tan importantes como o respecto, a disciplina, a concentración e o compañeirismo.

Final da semana: Un venres de excursións e aventuras

A semana rematou con diferentes saídas para os grupos da Ludoteca.

Os/as  Xoieiros/as  e os/as  Tomboleiros/as  realizaron unha saída á Fervenza de Segade, onde puideron desfrutar da beleza da natureza, compartir momentos de convivencia e vivir unha pequena aventura ao aire libre.

Pola súa banda, os/as Churreiros/as e os/as máis pequenos/as visitaron A Tafona, onde participaron en xogos cooperativos, gozaron de tempo de xogo libre no parque e viviron unha emocionante xincana para atopar a Monito, unha misión que conseguiron completar grazas ao traballo en equipo e ás súas grandes habilidades como exploradores.

Despedimos así unha semana chea de aprendizaxes, descubrimentos e momentos inesquecibles. Entre paxaros aventureiros, mascotas desaparecidas, monos escorridiños, artistas, bailaríns, deportistas e exploradores, queda claro que na Ludoteca Lúdica cada día é unha nova oportunidade para crear recordos que gardaremos con moito cariño.

E unha cousa parece segura: Peluchito, Monito e o paxaro Pichi xa forman parte da gran familia da Ludoteca!. Ata a vindeira noticia familias!! Continuamos …

Unha semana chea de aventuras e diversión

Esta semana, os nenos e as nenas da Ludoteca desfrutaron de numerosas actividades e momentos de convivencia. Realizamos moitos xogos, dinámicas en equipo e divertidas xincanas nas que os participantes demostraron a súa creatividade, compañeirismo e ganas de pasalo ben xornada tras xornada.

Ademais, tivemos unha fantástica excursión á praia, onde puidemos gozar dunha xornada diferente rodeados de natureza, xogos e bo ambiente, a pesar da falta do sol!! Os máis pequenos tamén asistiron esta semana á actuación de Pakolas, dentro do festival Atlántica, desfrutando dun espectáculo cheo de música, humor e diversión que lles fixo pasar un rato inesquecible.

Por outro lado a Ludoteca Deportiva tamén terá a súa propia aventura! Os rapaces e rapazas chegaron a unha illa deserta, tras afundir o barco no que viaxaban. Na illa, nalgún lugar do mundo, terán que aprender a sobrevivir: a través  dos diferentes deportes e xogos que realizarán poderán conseguir recursos e materiais que lles axudarán a construír un campamento e escapar da illa.

Pero non todo será doado, ao longo das semanas aparecerán retos, “tormentas” e outros imprevistos cos que  poderán perder cousas das que  conseguiron. Para evitalo, terán que dar o mellor de si nos xogos especiais e traballar en equipo; ademais, poderán conseguir puntos extra demostrando unha boa actitude, compañeirismo, esforzo e respecto durante todas as xornadas de Ludoteca. Conseguirán escapar da illa?

Familias, este verán agárdanos unha aventura chea de emocións, creatividade, desafíos e moita diversión.

Despedímonos ata a próxima semana, na que continuaremos vivindo novas aventuras, mellorando os nosos talentos, a creatividade…sempre con sorrisos e emocións.

Xa estamos en marcha!!

Parece mentira!, pero xa chegou unha nova edición da Ludoteca de verán do Concello de Caldas de Reis. O pasado mércores 1 de xullo abrimos as portas da nosa “feira da creatividade” e do “espazo lúdico e deportivo” que chegará ata o 31 de agosto. Neste tempo os vosos fillos e fillas compartirán un verán cheo de xogos, desafíos, obradoiros, deporte, creatividade e, sobre todo, moitísima diversión!!…ou iso agardamos…

Durante as vindeiras  semanas pode pasar de todo na Ludoteca, o fundamental será a diversión e as aprendizaxes xa que unha cousa non quita a outra; iso si, prohibido aburrirse!!

O noso equipo de monitores e monitoras xa está preparado para acompañar á vosa cativada nesta aventura de verán, nun espazo seguro onde facer amizades, aprender xogando e vivir experiencias inesquecibles.

Coa experiencia inicial destas tres primeiras xornadas a perspectiva é moi boa; tivemos moito xogo, bastante calor e algo de auga fresquiña, que non nos veu nada mal. 

Vos queremos agradecer a confianza depositada en nós, pedirvos desculpas porque o rodaxe inicial ás veces complícase un pouco, sobre todo coas tecnoloxías… pero nos comprometemos a:

  • ir a mais cada xornada
  • devolvervos aos vosos nenos e nenas cada día con moitas historias que contar
  • con algunha actividade misteriosa na mochila
  • area nos zapatos de cando en vez
  • e moitos sorrisos de orella a orella

Comeza polo tanto un verán cheo de creatividade, talentos, xogos… e moitos momentos para lembrar…

Benvidos e benvidas á Ludoteca de Verán de Caldas de Reis 2026