Escola de Verán O Pino
Unha gran feira para despedir a quenda na Escola de Verán de O Pino
Ao longo destes días, o grupo dos e das maiores puxo toda a súa creatividade a traballar coa elaboración duns orixinais cestiños feitos con vasos, que decoraron para a gran feira de fin de quenda. Tamén participaron en Operación Negra Sombra, un divertido xogo de rol organizado polo Concello no que se converteron en auténticos investigadores e investigadoras para descubrir a pantasma que habitaba na casa de Rosalía de Castro. Ademais, puxeron a proba o seu espírito de equipo no clásico atrapa a bandeira.
Os medianos e medianas tamén se implicaron de cheo na preparación da feira coa creación dos seus abanicos personalizados. Ademais, enfrontáronse ao reto da torre de espaguetes, poñendo a proba o seu enxeño e traballo en equipo, e desfrutaron de xogos como o ladrón de chaves e a bomba, que trouxeron consigo moita emoción e diversión.
Pola súa banda, os máis pequenos e pequenas elaboraron uns fermosos marcos de fotos como achega á gran feira. Tamén se divertiron coa Misión Cangrexo e O Tren Tolo, dous retos nos que demostraron a súa habilidade, coordinación e espírito de equipo.
E como peche desta semana, todos e todas participaron nun divertido taller de cociña con froitas antes de dar paso á esperada gran feira. Cada grupo contou co seu propio posto para amosar as creacións realizadas durante a quenda. Ademais, celebrouse unha poxa de xoguetes e unha tómbola, grazas ás cales todos e todas puideron marchar para casa cun novo compañeiro de xogos. Unha bonita maneira de darlles unha segunda vida aos xoguetes e demostrar que reutilizar tamén pode ser divertido.
Unha xornada chea de creatividade, xogos e bos momentos para compartir, desfrutar e despedir esta quenda da Escola de Verán O Pino por todo o alto!
Moito vivido e moito por vivir na Escola de Verán O Pino
A Escola de Verán O Pino continúa aproveitando ao máximo cada xornada de diversión, aprendizaxe e novas experiencias. A aventura comeza a achegarse ao seu final, pero as ganas de desfrutar e compartir momentos inesquecibles seguen máis vivas ca nunca, e esta semana volvemos vivir un montón de propostas pensadas para aprender xogando.
O grupo dos e das maiores enfrontouse a diferentes retos cheos de diversión e complicidade. Puxeron a proba a súa capacidade para manterse quietos co xogo das estatuas humanas e tamén participaron en Pasión de Capitáns, un divertido desafío que tiña como obxectivo acertar o maior número de preguntas posibles e evitar que o globo que custodiaban chegase a estoupar. Ademais, elaboraron os seus propios spinners e deron a benvida a unha nova temática: os xogos tradicionais. O tira e afrouxa, polis e cacos ou o pano foron algunhas das propostas que lles permitiron recuperar xogos de sempre e desfrutar deles en equipo.
O grupo dos medianos e medianas puxo toda a súa imaxinación e creatividade a traballar. Celebraron un divertido concurso de pintacaras e tamén se converteron en auténticos/as artistas no concurso de momias, transformando un compañeiro ou compañeira nunha divertida momia a base de papel. Para completar a semana, crearon uns fermosos corazóns de barro, que decoraron con abalorios de inspiración veraniega e nos que cada neno e nena deixou o seu propio nome como recordo desta experiencia.
E para os máis pequenos e pequenas, esta foi unha semana moi especial, xa que se mergullaron de cheo no mundo da acampada. Aprenderon a construír a súa propia tenda de campaña e descubriron como preparar unha mochila con todo o necesario para gozar dunha aventura na natureza. Tamén coñeceron diferentes animais que poderían atoparse durante unha acampada e aprenderon un pouco máis sobre o mundo que os rodea. E, como broche final desta aventura, recibiron os seus carnés de mellores acampados/as, un recoñecemento moi especial que puxo o punto final a unha semana chea de ilusión e descubrimentos.
Aínda quedan días por diante e, con eles, moitas máis sorpresas por descubrir!
«Viaxando coa cativada»: unha xornada na Praia de Gandarío
A cativada de O Pino continúa gozando do verán e, nesta xornada, o destino será a praia de Gandarío.
Alí as nenas e nenos desfrutarán dunha xornada ao aire libre, participando en diferentes xogos e actividades pensadas para compartir, divertirse e gozar do entorno natural.
Un día de praia na que a diversión, o compañeirismo e os sorrisos serán os grandes protagonistas.
Creatividade, viaxes no tempo e maxia Disney na Escola de Verán O Pino
Ao longo desta semana, os máis pequenos e pequenas da Escola de Verán O Pino volveron poñer a proba a súa vea artística co “bote con sal”, unha actividade na que recuperaron a técnica de pintar sal con xiz de cores, despois do éxito acadado coa proposta das medusas. Tamén se achegaron ao fascinante mundo do espazo coa actividade “Eclipse”. Unha proposta sinxela e creativa que lles permitiu descubrir e representar artisticamente este curioso fenómeno astronómico.
Pola súa banda, o grupo de medianos e medianas embarcouse nunha auténtica viaxe ao futuro mediante a actividade “arquitectos/as do futuro”. Por equipos, construíron as súas propias naves espaciais empregando principalmente materiais reciclados, como o cartón. As creacións, de gran tamaño e completamente personalizadas, destacaron pola súa orixinalidade e pola liberdade coa que cada grupo deixou voar a súa imaxinación. Para rematar, as naves foron premiadas en diferentes categorías, recoñecendo así o esforzo e o traballo realizado por cada equipo.
No grupo dos maiores, a competición do Grand Prix continuou avanzando con novos retos nos que a diversión e a habilidade volveron ser protagonistas. Entre as probas que máis éxito tiveron destacaron: a “patata caliente” con globos de auga, que puxo a proba a rapidez, os coñecementos e os reflexos dos e das participantes, e os “pingüíns matemáticos”, un reto no que tiveron que combinar axilidade e capacidade de cálculo para seguir sumando puntos na competición.
Finalmente, todos os grupos se uniron para gozar dunha divertida festa con temática Disney, na que a maxia e a fantasía foron as grandes protagonistas. A cativada puido deixar voar a súa imaxinación no taller de caretas, transformarse cos diferentes deseños do pintacaras e lucir divertidas tatuaxes temporais. Unha xornada chea de cor e ilusión que permitiu compartir momentos especiais entre todos os grupos e poñer o broche de ouro a outra semana inesquecible na Escola de Verán O Pino.
«Viaxando coa cativada»: A Fraga Máxica de Cortiña
A cativada de O Pino segue percorrendo Galicia e, nesta xornada, o destino será: a Fraga Máxica de Cortiña.
Alí as nenas e nenos mergullaranse nun mundo de árbores, ríos e seres máxicos, mentres participan en diferentes xogos e probas pensadas para fomentar a curiosidade e o respecto pola natureza.
Unha xornada na que a diversión e a aprendizaxe irán da man, desfrutando dunha experiencia diferente neste espazo natural.
Sumando días de verán en O Pino
A cativada da Escola de Verán O Pino deulle a benvida a agosto cunha programación chea de propostas creativas, actividades ao aire libre e retos compartidos, pensados para fomentar a diversión, a imaxinación e o compañeirismo entre os distintos grupos.
O grupo dos maiores sacou a súa faceta máis artística coa elaboración de orixinais imáns de arxila, unha actividade na que puideron dar renda solta á súa creatividade e crear pequenas pezas personalizadas. Ademais, deron o pistoletazo de saída ao seu particular Grand Prix, unha divertida competición que os reta cada día con diferentes probas, xogos e desafíos.
Pola súa banda, o grupo dos medianos viviu unha semana moi variada na que se combinaron propostas artísticas e xogos tradicionais. Nun obradoiro inspirado no mar, elaboraron orixinais debuxos empregando cunchas e outros elementos mariños, experimentando con diferentes formas, texturas e composicións. O tempo de lecer completouse con dinámicas populares como o cachirulo ou a bomba, xogos que favoreceron a participación de todo o grupo, o traballo en equipo e o desfrute compartido.
Mentres tanto, os máis pequenos e pequenas descubriron a orixinal técnica da pintura con sal, coa que deron vida e cor a unhas medusas ben fermosas. Ademais desfrutaron dunha oca motriz temática ambientada no mundo das medusas. Cun taboleiro e fichas totalmente personalizadas, os nenos e nenas foron avanzando polas diferentes casiñas ao ritmo do dado e enfrontándose a divertidos retos.
A través de actividades adaptadas ás diferentes idades, a cativada continúa desfrutando dunhas vacacións activas e creativas, nas que cada xornada ofrece unha nova oportunidade para compartir, descubrir e crear lembranzas inesquecibles.
«Viaxando coa Cativada»: Explorando no asombroso mundo das aves
Un mércores máis, o autobús de Viaxando coa cativada lévanos ata Avifauna, un lugar onde os nenos e nenas gozarán dunha xornada rodeados e rodeadas de aves de diferentes especies e procedencias.
Ao longo do día terán a oportunidade de coñecer de preto animais fascinantes, descubrir curiosidades sobre os seus hábitats e aprender a importancia de coidar e respectar a natureza. Ademais, percorrerán as instalacións observando aves exóticas e rapaces, vivindo unha experiencia educativa, divertida e chea de sorpresas.
Sen dúbida, será unha experiencia inesquecible na que aprenderán, descubrirán e gozarán da natureza nun entorno único.
Diversión en equipo para despedir o mes de xullo!!
A cativada da Escola de Verán O Pino estivo a desfrutar dunha morea de actividades en grupo durante estes últimos días.
Comezaron a semana con moitas risas e entretemento da man do ecritor e contacontos Anxo Moure, que sorprendeu a todos e todas coa súa ciclobiblioteca enchendo a escola de maxia, sorrisos e moita natureza.
Xa en un ambiente máis relaxado, relizaron un taller de creatividade, no que a través da manipulación de distintos materiais estimularon os seus sentidos e fomentaron o seu inxenio e a súa atención; dando como resultado uns botes de fondo mariño ben chulos.
Por outra banda, o grupo de maiores tivo ocasión de participar en un “scape room” levado a cabo por Haters&Lovers, un programa de prevención, detección e intervención da violencia entre iguais que nace coa intención de sensibilzar, previr e realizar unha detección precoz da violencia entre nenos e nenas. Así, a través deste “scape room” educativo foron resolvendo diferentes probas cooperativas relacionadas coa prevención de violencias, promoción do bo trato e estilos de comunicación.
E por último, como despedida da quenda, tivo lugar un exitoso “Got Talent” cheo de actuacións musicais, de baile, de patinaxe…. en grupo ou en solitario, no que todos e todas participaron.
Unha festa por todo o alto que deu paso a unha nova quenda na que nos esperan moitas máis aventuras e sorpresas.
«Viaxando coa cativada»: Unha aventura no corazón das Fragas do Eume
Nesta ocasión, a cativada de O Pino porá rumbo ás Fragas do Eume para vivir unha xornada en plena natureza, combinando sendeirismo, aprendizaxe e unha emocionante misión.
Ao longo do percorrido, descubrirán a riqueza deste espazo natural mentres participan na misión de Derdrín, un reto no que deberán superar diferentes probas para recuperar a maxia do seu anel e axudar aos trasnos a regresar ao corazón da Fraga.
Un día para descubrir, camiñar e aprender nun dos espazos naturais máis especiais de Galicia.
A maxia do verán continúa en O Pino
A Escola de Verán O Pino continúa enchendo cada xornada de diversión, aprendizaxe e novas experiencias dentro da temática “A feira da creatividade”.
O grupo dos máis pequenos e pequenas desfrutou dun completo circuíto memory, no que puxeron a proba a súa atención e capacidade de observación a través de diferentes retos. Ademais, deron renda solta á súa creatividade elaborando unhas fermosas pulseiras personalizadas, que cada un e cada unha puido deseñar ao seu gusto. A semana completouse cun novo conto interactivo, unha actividade chea de sorpresas que conseguiu manter viva a súa curiosidade e ilusión de principio a fin.
Pola súa banda, os grupos de maiores e medianos participaron en xogos nos que a fariña foi a gran protagonista. Entre risas e moita complicidade, participaron en diferentes dinámicas que fomentaron a súa habilidade e capacidade para traballar en equipo. A continuación, convertéronse en auténticos/as feirantes coa actividade da pesca de peixes, un reto no que demostraron destreza, concentración e moitas ganas de superarse.
Sen dúbida, un dos momentos máis especiais da semana foi a visita aos bombeiros forestais, onde todos os grupos tiveron a oportunidade de coñecer de preto a importante labor que desempeñan. Durante a visita descubriron os vehículos, os materiais cos que traballan e aprenderon curiosidades sobre o seu día a día, convertendo a experiencia nunha actividade tan educativa como emocionante.
Cada día seguimos sumando novas vivencias que fan desta Escola de Verán unha experiencia inesquecible, e aínda quedan moitas sorpresas e retos por descubrir nas próximas semanas.
Viaxando coa Cativada: unha xornada para sorrir e imaxinar!
Nesta ocasión, a cativada de O Pino pon rumbo ao Museo do Humor de Fene para gozar dunha xornada diferente, chea de creatividade, diversión e moito enxeño.
Ao longo da visita, terán a oportunidade de descubrir o mundo do humor gráfico a través das súas exposicións, coñecendo o traballo de ilustradores/as e humoristas, ao tempo que reflexionarán sobre o valor da creatividade, da expresión artística e do humor como ferramenta para comunicar e aprender.
Agardamos voltar con novas aprendizaxes, moitas anécdotas e un feixe de sorrisos nas nosas mochilas.
A diversidade non se detén na Escola de Verán O Pino
Esta semana, a Escola de Verán O Pino continuou cunha programación chea de actividades que permitiu aos nenos e nenas seguir aprendendo e gozando en grupo.
Os máis pequenos e pequenas puxeron en marcha os seus sentidos coa elaboración dunhas orixinais botellas sensoriais, nas que experimentaron con diferentes cores, texturas e materiais. Ademais, demostraron a súa atención e rapidez participando nun divertido bingo con temática de feira, no que non faltaron as risas e a emoción ata completar os seus cartóns.
Pola súa banda, o grupo de medianos e medianas continuou desenvolvendo a súa creatividade e o traballo en equipo a través de diferentes retos e xogos. Entre as actividades destacaron: a realización de retratos dos seus compañeiros e compañeiras, a divertida proposta de “constrúe a túa cara”, o clásico xogo de poñer a colita ao burro, e unha entretida pesca de peixes que puxo a proba a súa habilidade e coordinación.
No grupo dos maiores chegou o momento máis esperado coa conclusión da súa Liga. Ao longo da semana seguiron acumulando puntos en diferentes desafíos, como o “memoriza e debuxa”, probas de puntería, partidos de datchball, relevos en estrela e moitos outros xogos nos que combinaron estratexia, rapidez e compañeirismo. Finalmente, elaborouse a clasificación definitiva e, tras un marcador moi axustado, o equipo “Pitufines” proclamouse vencedor. Con todo, todos e todas as participantes recibiron unha medalla correspondente á súa posición, recoñecendo así o esforzo e a implicación demostrados durante estas dúas intensas semanas de competición.
Como broche final á semana, todos os grupos participaron nun divertido obradoiro de cociña. A través desta actividade, a cativada experimentou con diferentes ingredientes e desfrutou elaborando auténticas creacións cheas de cor que puxeron o toque máis saboroso e divertido a unha semana repleta de aprendizaxes e bos momentos compartidos.
Contunúa a aventura de «Viaxando coa Cativada»
Nesta ocasión, a cativada de O Pino pon rumbo á Domus, na Coruña, para vivir unha xornada chea de ciencia e novos descubrimentos.
Ao longo da visita, terán a oportunidade de experimentar, explorar e coñecer de maneira interactiva o funcionamento do corpo humano e da ciencia, fomentando a curiosidade, a capacidade de observación e a aprendizaxe a través do xogo e da participación.
Estamos seguros/as de que será unha xornada moi especial, na que a curiosidade, a diversión e as experiencias compartidas serán as grandes protagonistas.
Arte, creatividade e xogo na Escola de Verán O Pino
Esta semana, a Escola de Verán O Pino converteuse nun punto de encontro para a arte, a creatividade e o xogo, mesturando aprendizaxe e diversión.
Os máis pequenos e pequenas da escola sacaron a súa vea máis artística transformando, cunha paciencia admirable e moito ollo para a cor, sinxelas pedras en auténticas obras de arte pintadas a man, ao mesmo tempo que demostraron que coa reciclaxe tamén se pode xogar ao dar vida a uns simpáticos e coloridos polbos utilizando rolos de papel.
Pola súa banda, o grupo de medianos e medianas non baixou o ritmo e seguiu mergullado de cheo na “Feira da Creatividade”, unha aventura na que os diferentes equipos tiveron que dar o mellor de si para continuar sumando puntos no seu ‘pasaporte de feirantes’ mentres se enfrontaban a retos tan divertidos e variados como o pilla a galleta, o emocionante punch a prize, o atrapa-ovos ou probas de axilidade como o circuíto con culleres e os vasos de cores.
No grupo dos maiores a emoción incrementouse co inicio da súa temática estrela da semana: a Liga. Nela os nenos e nenas, dividíronse en equipos para deseñar e elaborar os seus propios escudos antes de comezar a competir nunha gran variedade de xogos que mesturaron deporte, estratexia e moita habilidade, tales como o parchís-baloncesto, o fútbol, a construción dunha torre de vasos ou o reto de coller macarróns cun espaguete; unha emocionante competición que serviu para ir acumulando puntos de cara a unha clasificación que está moi igualada, polo que haberá que agardar con moita ilusión á vindeira semana para saber que equipo se coroa finalmente como o campión absoluto.
Finalmente, todos os grupos se uniron para celebrar un divertido “entroido de verán”. Así, a cativada despregou a súa creatividade no taller de caretas e puxo a proba a súa sorte co bingo temático. Pero, sen dúbida, o momento máis agardado e desfrutado foi a nosa festa da fariña, que transformou o patio nunha nube branca, poñendo broche de ouro a unha semana para lembrar, mentres seguimos sumando momentos inesquecibles ao longo deste verán.
Arranca o autobús de «Viaxando coa Cativada»!
A primeira parada será a praia de Tanxil (Rianxo) onde a cativada de O Pino desfrutará dun día no que se combinarán os chapuzóns con xogos e dinámicas grupais que fomenten o compañeirismo e a cooperación, aproveitando o noso entorno natural como un espazo de aprendizaxe e diversión.
Agardamos volver desta xornada con risas compartidas, bos momentos e anécdotas para lembrar.
A Feira da Creatividade abre as súas portas en O Pino
O pasado 22 de xuño a Escola de Verán O Pino abriu as súas portas para recibir a un cento de nenos e nenas que chegaron con moitas ganas de pasalo ben e de facer deste verán unha experiencia inesquecible.
Baixo a temática “A feira da creatividade”, a cativada poderá desfrutar de numerosos xogos, desafíos e actividades que, sen dúbida, non deixarán indiferente a ninguén.
Co obxectivo de coñecernos un pouco mellor e crear un bo clima de grupo, durante os primeiros días leváronse a cabo diferentes dinámicas de presentación, como ‘Quen é quen?’ ou o ‘O fío que nos une’. Ademais, o grupo dos maiores elaborou un fermoso mural colaborativo que reflicte o espírito de equipo co que comezamos esta aventura.
A este grupo tampouco lle faltou tempo para sacar o seu lado máis lúdico e desfrutar de xogos como o brilé xadrez ou o cachirulo, actividades ben coñecidas pola cativada que fomentan a actividade física, a participación e o traballo en equipo, preparándoos e preparándoas para todos os retos e propostas que lles agardan nas vindeiras semanas.
Pola súa banda, o grupo de medianos iniciou unha aventura que non fixo máis que comezar. Cada día enfróntanse a novos desafíos que lles permiten completar o seu ‘pasaporte de feirantes’. Ata o momento, os globos foron os grandes protagonistas das súas actividades. Ademais, o deporte ocupou un lugar destacado nestes primeiros días, culminando coa celebración do seu particular Mini Mundial, compartido co grupo de pequenos e pequenas, no que todos e todas demostraron o seu compañeirismo e esforzo, converténdose en merecedores das medallas conseguidas.
Os máis pequenos e pequenas tamén viviron uns días cheos de emoción, superando diferentes obstáculos para descubrir o desenlace dun conto interactivo protagonizado por un osiño que conseguiu manter a súa curiosidade e ilusión ben espertas.
Pero, sen dúbida, os momentos máis especiais son o tempo compartido entre todos os grupos. Aproveitando o bo tempo, gozamos dunha divertida festa da auga con xogos do máis refrescantes, que encheu a xornada de risas, diversión e moitas ganas de repetir.
E isto non é máis ca o comezo de todas as aventuras, retos e momentos inesquecibles que aínda nos quedan por vivir xuntos e xuntas ao longo deste verán.
















