Verán en Caldas

Unha semana chea de aventuras e diversión

Esta semana, os nenos e as nenas da Ludoteca desfrutaron de numerosas actividades e momentos de convivencia. Realizamos moitos xogos, dinámicas en equipo e divertidas xincanas nas que os participantes demostraron a súa creatividade, compañeirismo e ganas de pasalo ben xornada tras xornada.

Ademais, tivemos unha fantástica excursión á praia, onde puidemos gozar dunha xornada diferente rodeados de natureza, xogos e bo ambiente, a pesar da falta do sol!! Os máis pequenos tamén asistiron esta semana á actuación de Pakolas, dentro do festival Atlántica, desfrutando dun espectáculo cheo de música, humor e diversión que lles fixo pasar un rato inesquecible.

Por outro lado a Ludoteca Deportiva tamén terá a súa propia aventura! Os rapaces e rapazas chegaron a unha illa deserta, tras afundir o barco no que viaxaban. Na illa, nalgún lugar do mundo, terán que aprender a sobrevivir: a través  dos diferentes deportes e xogos que realizarán poderán conseguir recursos e materiais que lles axudarán a construír un campamento e escapar da illa.

Pero non todo será doado, ao longo das semanas aparecerán retos, “tormentas” e outros imprevistos cos que  poderán perder cousas das que  conseguiron. Para evitalo, terán que dar o mellor de si nos xogos especiais e traballar en equipo; ademais, poderán conseguir puntos extra demostrando unha boa actitude, compañeirismo, esforzo e respecto durante todas as xornadas de Ludoteca. Conseguirán escapar da illa?

Familias, este verán agárdanos unha aventura chea de emocións, creatividade, desafíos e moita diversión.

Despedímonos ata a próxima semana, na que continuaremos vivindo novas aventuras, mellorando os nosos talentos, a creatividade…sempre con sorrisos e emocións.

Xa estamos en marcha!!

Parece mentira!, pero xa chegou unha nova edición da Ludoteca de verán do Concello de Caldas de Reis. O pasado mércores 1 de xullo abrimos as portas da nosa “feira da creatividade” e do “espazo lúdico e deportivo” que chegará ata o 31 de agosto. Neste tempo os vosos fillos e fillas compartirán un verán cheo de xogos, desafíos, obradoiros, deporte, creatividade e, sobre todo, moitísima diversión!!…ou iso agardamos…

Durante as vindeiras  semanas pode pasar de todo na Ludoteca, o fundamental será a diversión e as aprendizaxes xa que unha cousa non quita a outra; iso si, prohibido aburrirse!!

O noso equipo de monitores e monitoras xa está preparado para acompañar á vosa cativada nesta aventura de verán, nun espazo seguro onde facer amizades, aprender xogando e vivir experiencias inesquecibles.

Coa experiencia inicial destas tres primeiras xornadas a perspectiva é moi boa; tivemos moito xogo, bastante calor e algo de auga fresquiña, que non nos veu nada mal. 

Vos queremos agradecer a confianza depositada en nós, pedirvos desculpas porque o rodaxe inicial ás veces complícase un pouco, sobre todo coas tecnoloxías… pero nos comprometemos a:

  • ir a mais cada xornada
  • devolvervos aos vosos nenos e nenas cada día con moitas historias que contar
  • con algunha actividade misteriosa na mochila
  • area nos zapatos de cando en vez
  • e moitos sorrisos de orella a orella

Comeza polo tanto un verán cheo de creatividade, talentos, xogos… e moitos momentos para lembrar…

Benvidos e benvidas á Ludoteca de Verán de Caldas de Reis 2026