Tardes Cuntilín

Decorando…

Moi boas unha semana máis!

Estes días no Cuntilín fixemos un obradoiro creativo no que rematamos de preparar os murais cos que decoraremos as nosas instalacións. A rapazada deixou voar a súa imaxinación e puxo en práctica a súa creatividade para darlles cor e vida aos diferentes espazos. Aproveitamos tamén o bo tempo para realizar unha divertida “busca do tesouro”, na que tivemos que superar diferentes retos, colaborar en equipo e estar moi atentos ás pistas para poder chegar ao premio final. No obradoiro de igualdade desta semana tocou role playing. A través de diferentes representacións, recreamos situacións da vida cotiá nas que os nenos e nenas puideron poñerse na pel doutras persoas e escoller diferentes roles. Esta dinámica permitiunos reflexionar sobre a importancia da igualdade, do respecto e da colaboración, así como identificar algúns estereotipos que aínda están presentes no noso día a día.

Para pechar a semana, achegámonos ao mundo da literatura co libro: “Un conto cheo de lobos”.

Ata a semana!

Benvidos e benvidas ao Cuntilín do Curso!!

Aquí estamos de novo un curso máis para acompañar aos vosos nenos e nenas durante as tardes. Xa case levamos un mes e deunos tempo a facer moitas cousas. Realizamos a primeira visita a Agadea, con motivo da súa campaña polo “Día Mundial do Alzheimer”, o día 21 de setembro: “O amor pode máis que o esquecemento”. Xa tíñamos ganas de volver a velos e velas!

Como rematou o mes, tamén celebramos os aniversarios. Fixemos o típico doce, xogos, etc.

A temática elexida este curso é: “O mundo a través dos contos”. Con ela pretendemos achegar aos nenas e nenos á lectura dun xeito divertido e participativo, e a través dos contos poderán descubrir novos mundos, coñecer diferentes culturas e realidades e desenvolver a súa imaxinación e creatividade.

Seguirémosvos contando as próximas semanas…

Un saúdo!