Verán en Valga

Unha semana chea de creatividade, aventuras e novas experiencias no Concilia Verán de Valga

Esta semana no Concilia Verán de Valga estivemos rodeados de creatividade, enxeño e novas experiencias!  As crianzas tiveron a oportunidade de participar en diferentes propostas nas que puxeron a proba a súa imaxinación e descubriron novas formas de aprender e divertirse.

Comezamos cun debuxo creativo moi especial. Cada participante recibiu unha folla na que aparecían uns primeiros trazos que, se se seguían de maneira lóxica, podían converterse nunha estrela. Porén, o reto consistía precisamente en continuar o debuxo sen facer unha estrela, deixando voar a imaxinación e buscando solucións orixinais e diferentes. Unha actividade na que non había unha única resposta correcta, senón tantas como ideas tivese cada crianza.

Continuando coas nosas aventuras, elaboramos uns prismáticos de exploradores 🔭 para observar o noso contorno e seguir descubrindo todo o que nos rodea. E falando de exploración, tamén tivemos que sacar todo o noso enxeño para superar a «Misión: diversión con Gru», na que as crianzas se converteron en auténticas axentes e tiveron que afrontar diferentes retos e desafíos.

A creatividade continuou sendo protagonista coa elaboración dun atrapasoños, unha actividade na que cada participante puido deseñar e decorar a súa propia creación, dando renda solta á imaxinación.

Como non podía ser doutro xeito, tamén houbo tempo para movernos e desfrutar de diferentes dinámicas e xogos, entre os que atopamos a Cadea de relevos, Mariñeiros, mariñeiras e capitanas, O barco e As lanchas.  A través destas propostas fomentamos o traballo en equipo, a coordinación, a participación e, sobre todo, as ganas de pasalo ben xuntas e xuntos.

Esta semana tamén tivemos a oportunidade de coñecer de preto dous ámbitos moi diferentes e interesantes.  Primeiro, recibimos a visita de Protección Civil, que nos ensinou os seus vehículos e nos explicou en que consiste o seu traballo, permitindo ás crianzas coñecer un pouco máis de preto a importante función que desenvolven.

Ademais, contamos coa visita do Club de Salvamento Umia, que nos achegou ao mundo do salvamento deportivo a través dunha interesante charla.  As crianzas puideron coñecer este deporte, observar e manipular parte do material que utilizan e descubrir como son algunhas das probas que realizan.

Así rematamos outra semana no Concilia Verán de Valga, chea de aprendizaxes, aventuras, creatividade, actividade física e visitas moi especiais que nos permitiron descubrir novos mundos sen saír do noso campamento.

Unha nova quincena de agosto no Concilia Verán de Valga!

Esta semana demos a benvida á nova quincena de agosto, que chegou acompañada de bo tempo, moita calor e, por suposto, de novas aventuras no Concilia Verán de Valga.

Para comezar esta nova quenda da mellor maneira, desfrutamos dunha gran Festa da Auga , na que as crianzas participaron en diferentes xogos por equipos e superaron un divertido reto grupal. Unha vez rematadas as probas, chegou o momento máis esperado: a gran batalla de auga, na que pistolas, globos e moitas ganas de pasalo ben foron os grandes protagonistas.

Tamén tivemos tempo para sacar o noso lado máis creativo e sostible.  A través da técnica de upcycling, as crianzas transformaron unha camiseta que xa non utilizaban nunha práctica tote bag, á que posteriormente lle deron o seu toque persoal decorándoa ao seu gusto. Unha actividade coa que demostramos que podemos dar unha nova vida aos materiais e, ao mesmo tempo, deixar voar a nosa imaxinación.

E como a calor continuou acompañándonos durante toda a semana, puxemos a creatividade ao servizo do verán e deseñamos uns marabillosos e refrescantes abanicos para axudarnos a combater as altas temperaturas.

Para rematar a semana, vivimos un momento moi especial da man da monitora Xoana, que preparou unha emocionante busca do tesouro de despedida.  As crianzas tiveron que superar o reto de atopar diferentes lazos numerados que lles permitirían descubrir a combinación necesaria para abrir o cadeado do cofre.

No seu interior agardaba un agasallo moi especial que Xoana preparara para a súa despedida, un pequeno recordo para que as crianzas poidan lembrala e gardar con cariño todos os momentos compartidos durante este verán.

Así rematamos unha semana chea de auga, creatividade, aventuras, aprendizaxes e momentos especiais, demostrando unha vez máis que no Concilia Verán de Valga cada día é unha nova oportunidade para desfrutar, compartir e crear recordos inesquecibles.

Unha semana para refrescarnos no Concilia Verán de Valga

Esta semana estivo marcada polas altas temperaturas, pero no Concilia Verán de Valga atopamos a mellor maneira de combater a calor: xogos, auga e moita diversión!

Ao longo destes días celebramos diferentes Festas da Auga, nas que as crianzas puideron refrescarse e gozar de actividades pensadas especialmente para estas xornadas de calor. Comezamos con diferentes xogos de auga, como relevos, a Batalla do Movemento, entre outros, para despois dar paso á gran batalla de auga por equipos, na que pistolas, vasos, mangueiras e moitas ganas de mollarse se converteron nos protagonistas.

O luns tivemos unha actividade especial: realizamos unha saída ao Parque Irmáns Dios Mosquera. Durante a primeira hora da mañá, as crianzas desfrutaron do parque infantil e, posteriormente, aproveitamos a sombra da carballeira para merendar e recuperar forzas. Despois chegou o momento máis refrescante: diferentes xogos de auga que nos permitiron pasar as horas de maior calor dunha maneira divertida e agradable.

Pero non todo foi auga!  Esta semana tamén tivemos tempo para desenvolver a nosa creatividade e imaxinación. Creamos unha Cámara dos Recordos, na que cada crianza decorou a súa propia cámara e, a modo de película fotográfica, debuxou algúns dos seus mellores recordos e momentos vividos durante o que levamos de verán.

Ademais, puxemos a proba as nosas habilidades con diferentes retos e misións, como A Ruta Secreta das Minas ou Salvar os Conos Escondidos, nos que tivemos que traballar en equipo, superar desafíos e demostrar toda a nosa capacidade de enxeño.

Así rematamos outra semana no Concilia Verán de Valga, demostrando que, mesmo nos días de máis calor, sempre hai espazo para aprender, crear, compartir e, sobre todo, desfrutar xuntas e xuntos dun verán inesquecible!

Dámoslle a benvida a agosto no Concilia Verán de Valga

Coa chegada do mes de agosto, no Concilia Verán de Valga vivimos unha semana chea de emocións. Por unha banda, despedimos a moitos dos nenos e das nenas que participaron durante a segunda quincena do campamento, agradecéndolles todos os momentos compartidos e desexándolles un feliz remate do verán.

Para celebrar esta despedida organizamos unha divertida Festa do Brilli, na que as crianzas puideron tematizarse con diferentes brillos e purpurinas, enchendo a xornada de cor, música e alegría. Ao longo da mañá non faltaron o baile, os xogos e a diversión, convertendo esta celebración nun fermoso recordo para todas as persoas participantes. Ademais, tamén tivo lugar o esperado Gran Partido de Fútbol, unha actividade na que reinaron o compañeirismo, o respecto e o xogo limpo.

Ao mesmo tempo, agosto trouxo consigo a incorporación das novas crianzas que participarán durante a primeira quincena deste mes. Aínda que nos dous primeiros días o tempo non acompañou demasiado, iso non impediu que desfrutasemos de numerosas actividades para coñecernos e comezar esta nova etapa con ilusión.

Entre elas, compartimos un momento de lecer coa proxección dunha película e elaboramos un gran Mural da Alegría, no que cada participante escribiu o seu nome nun dos raios do sol, simbolizando que cada persoa achega luz e valor ao grupo. Ademais, cada crianza realizou o seu propio autorretrato, favorecendo a expresión da súa identidade e creatividade.

Tamén levamos a cabo unha actividade colaborativa na que estampamos as nosas mans con diferentes cores, creando un mural que representa a igualdade, o respecto á diversidade e a importancia de construír un grupo no que todas as persoas teñan o seu lugar.

Como non podía ser doutro xeito, tamén houbo tempo para gozar de numerosos xogos tradicionais e cooperativos, como As mudanzas, O pano e Lima, limón, limonada, entre outros, promovendo a convivencia, a participación e a diversión desde os primeiros días desta nova quenda.

Seguimos desfrutando dun verán cheo de experiencias, aprendizaxes e momentos inesquecibles no Concilia Verán de Valga.

O traballo en equipo, protagonista dunha nova semana no Concilia Verán de Valga

Esta semana no Concilia Verán de Valga estivo dedicada a fortalecer o traballo en equipo, a cooperación e a cohesión entre as crianzas mediante diferentes retos grupais nos que o éxito dependía da colaboración, da comunicación e da axuda mutua.

O grupo das máis pequenas e dos máis pequenos continuou avanzando nos divertidos retos de «Manolo», superando novas probas que lles permitiron desenvolver habilidades sociais, a creatividade e a capacidade para traballar en equipo.

Pola súa banda, o grupo de medianas e medianos participou en diferentes dinámicas cooperativas, entre as que destacaron os relevos visuais, unha actividade na que a coordinación, a confianza e a cohesión do grupo resultaron fundamentais para acadar os obxectivos propostos.

As nenas e os nenos de maior idade tamén puxeron a proba o seu espírito de equipo a través de xogos como «Os 10 pases», «O baloncesto viaxeiro» e outros retos cooperativos nos que a planificación, a comunicación e a colaboración entre iguais foron as grandes protagonistas.

Ademais, tanto o grupo de medianas e medianos como o de maiores tiveron a oportunidade de desfrutar dunha sesión de iniciación á patinaxe grazas á colaboración co campamento de patinaxe que se está a desenvolver estes días no noso concello. Esta experiencia permitiulles achegarse a esta modalidade deportiva dun xeito lúdico e seguro.

As altas temperaturas tamén tiveron o seu espazo na programación. Por iso, tanto o martes como o xoves celebramos as xa tradicionais Festas da Auga, nas que as crianzas puideron refrescarse mentres gozaban de xogos cheos de diversión.

Para rematar, e co obxectivo de continuar fomentando a actividade física dun xeito máis relaxado, todos os grupos compartiron unha agradable sesión de ioga inspirada nos animais do bosque e do mar. A través de diferentes posturas e exercicios de respiración, as participantes e os participantes traballaron a concentración, o equilibrio, a coordinación e a relaxación, poñendo o broche final a unha semana repleta de aprendizaxes, convivencia e diversión.

A natureza e o deporte protagonizan unha semana chea de aprendizaxes no Concilia Verán de Valga

Esta semana no Concilia Verán de Valga estivo chea de aventuras, descubrimentos e momentos compartidos, nos que as crianzas puideron desenvolver a súa creatividade, fortalecer o traballo en equipo e gozar do contacto coa natureza.

O grupo dos medianos realizou unha pausa nos seus xogos cooperativos para dar renda solta á súa imaxinación. A través dun paseo sensorial descubriron diferentes elementos da contorna natural e, posteriormente, plasmaron as súas impresións nun fermoso cadro inspirado na natureza.

Pola súa banda, o grupo das crianzas pequenas coñeceu a Historia de Manolo, un personaxe que lles presentou divertidos retos relacionados coa natureza. Durante a actividade elaboraron colares con elementos naturais e emprenderon unha emocionante exploración polo seu «bosque», onde descubriron a súa cabana, percorreron camiños en zigzag, cruzaron unha ponte e superaron diferentes desafíos, converténdose en auténticas exploradoras e exploradores.

O grupo das maiores traballou a comunicación, a confianza e a cohesión a través de dinámicas como o nó humano, Adiviña a conexión e O cazador cego, nas que puxeron en práctica a cooperación e demostraron o bo ambiente de grupo. Ademais, completaron a programación con distintos xogos cooperativos.

Como actividade conxunta, todas as crianzas participaron nunha exhibición de karate, na que tiveron a oportunidade de coñecer este deporte de primeira man. Despois da demostración, aprenderon os seus primeiros movementos e participaron en diferentes xogos e exercicios guiados, vivindo unha experiencia moi enriquecedora e divertida.

Foi, sen dúbida, unha semana moi intensa, chea de aprendizaxes, convivencia e diversión, na que cada actividade contribuíu a seguir medrando a través do xogo, da cooperación e do respecto polas demais persoas e pola contorna.

Remata a primeira quincena do Concilia Verán de Valga con creatividade, aprendizaxe e diversión

O Concilia Verán de Valga pechou esta primeira quincena cunha semana chea de actividades nas que as nenas e os nenos seguiron aprendendo, xogando e compartindo experiencias dentro da temática «Aventuras en Igualdade: un verán para medrar».

O grupo das persoas máis pequenas puxo en práctica toda a súa creatividade elaborando unha divertida manualidade con material de refugallo e anacos de goma eva, dando forma a un simpático ratiño. Ademais, convertéronse en auténticas e auténticos detectives participando en xogos nos que tiveron que recoñecer ás súas compañeiras e aos seus compañeiros cos ollos vendados e descubrir diferentes obxectos agochados polo patio, fomentando así a observación, a memoria e o traballo en equipo.

Pola súa banda, os grupos de medianas e medianos e de maiores dedicaron parte da semana a refrescar os seus coñecementos cun dinámico Pasapalabra empregando globos, unha actividade que combinou aprendizaxe e diversión. Tamén puxeron a proba a súa capacidade de observación e concentración resolvendo un entretido xogo de diferenzas.

A programación contou tamén cunha visita moi especial. O xoves 10 recibimos nas nosas instalacións ao grupo Xurelos, que ofreceu unha actuación na que a música, a historia e o debuxo se uniron para achegar ás participantes e aos participantes á figura de Begoña Caamaño, nunha proposta cultural tan amena como enriquecedora.

Ao longo da semana tampouco faltou o movemento, con xogos deportivos e cooperativos como o dodgeball, carreiras de relevos e moitas sesións de baile, promovendo hábitos saudables, a cooperación e a diversión.

Como broche final desta primeira quincena, realizamos unha saída á Lagoa Mina Mercedes e ao seu parque. Durante a camiñada pola contorna, as nenas e os nenos puideron observar diferentes animais, plantas e outros elementos da natureza, gozando dunha xornada ao aire libre na que o contacto co medio natural foi o gran protagonista.

Con esta saída despedimos a todas as nenas e a todos os nenos que rematan a súa participación nesta primeira quincena. Agardamos que leven consigo un feixe de lembranzas, amizades e experiencias inesquecibles. Desexámoslles un moi bo verán e agardamos volver velas e velos moi pronto.

Comeza unha nova edición do Concilia Verán de Valga

O verán xa está aquí e, un ano máis, o Concilia Verán de Valga abriu as súas portas o pasado 29 de xuño, dando comezo a unhas semanas cheas de aprendizaxes, diversión e novas experiencias.

Nesta edición contamos con tres grupos organizados por idades: de 3 a 5 anos, de 6 a 8 anos e de 9 a 11 anos, co obxectivo de adaptar as actividades ás necesidades e intereses de cada grupo.

Durante os primeiros días, as nenas e os nenos participaron en diferentes dinámicas de presentación e cohesión grupal, favorecendo o coñecemento mutuo, a integración e a creación dun bo ambiente de convivencia. Entre as actividades realizadas destacaron xogos como «Pícame», «A tea de arañ e outras propostas cooperativas que permitiron fortalecer os vínculos entre as persoas participantes.

Unha vez consolidados os grupos, presentouse a temática que acompañará todas as actividades deste verán: «Aventuras en Igualdade: un verán para medrar». A través deste fío condutor promoveranse valores como a igualdade, o respecto, a cooperación e a inclusión. Como primeira actividade relacionada coa temática, cada grupo elaborou un mural colectivo no que expresou, de maneira creativa, a súa visión da igualdade.

As altas temperaturas destes primeiros días tamén deron paso a unha das actividades máis esperadas: a xa tradicional Festa da Auga. As persoas participantes gozaron dunha divertida xornada con batallas de globos e pistolas de auga, convertendo a calor nunha oportunidade perfecta para refrescarse e compartir momentos inesquecibles.

Ao longo da semana tamén houbo espazo para achegarse á contorna natural. O grupo das persoas máis pequenas participou nun paseo sensorial, no que observaron e localizaron elementos da natureza de diferentes cores e experimentaron con distintas texturas e sensacións, diferenciando superficies lisas e rugosas, así como materiais brandos e duros. Esta actividade permitiulles explorar o medio a través dos sentidos, fomentando a curiosidade e a observación.

A programación completouse con numerosos xogos de movemento e cooperación, como o pano, a bomba, pato-pato-oca, brilé e outras propostas lúdicas que favoreceron a actividade física, o traballo en equipo e a diversión.

Este é só o comezo dun verán cheo de aventuras, aprendizaxes e experiencias compartidas, no que a igualdade, a convivencia e o respecto serán os grandes protagonistas.