DiverTeo Ramallosa Verán

A Ramallosa vive unha semana chea de música, teatro, ioga,… e moita diversión!!

Na segunda semana de xullo, no DIVERTEO “A RAMALLOSA” realizamos multitude de actividades nas que aprendemos, xogamos e compartimos grandes momentos. Comezamos moitas das mañás con fantásticos bailes para enchernos de enerxía, e tamén desfrutamos de sesións de ioga, que nos axudaron a relaxarnos e a coñecer mellor o noso corpo.

Un dos momentos máis especiais foi a visita de MIGALLAS TEATRO, que nos deleitou cun concerto de cancións en galego. Da man de Rosiña e da divertida “Orquestra de Pulgas”, aprendemos os ósos e os músculos do noso corpo mentres cantabamos, riamos e formábamos parte do espectáculo. Foi unha experiencia moi fermosa e entretida que nos encantou.

Ao longo da semana tamén démoslle vida á mascota do campamento, FUCO!!!, que nos acompañará durante todas as nosas aventuras e que xa se converteu nun membro máis da nosa familia.

Para rematar a semana, o venres refrescámonos na piscina exterior dos Tilos, onde gozamos dunha xornada chea de xogos, inmersións e moitas risas.

Sen dúbida, foi unha semana fantástica, cargada de aprendizaxes, convivencia e diversión no DIVERTEO “A RAMALLOSA”.

Arranca DiverTeo «A Ramallosa», un verán cheo de aventuras, compañeirismo e ilusión!!!

O pasado 22 de xuño deu comezo unha nova edición do campamento DIVERTEO “A RAMALLOSA”, un espazo de encontro, diversión e aprendizaxe no que os nenos e nenas volverán a compartir un verán inesquecible, cheo de actividades e experiencias.

Despois dunha longa espera, por fin volvémonos reencontrar nas instalacións do C.E.I.P. Plurilingüe da Ramallosa para dar comezo a unha nova edición do campamento. Cargados de ilusión, ledicia e moitas ganas de compartir un verán máis cos seus compañeiros e compañeiras, recibimos a 50 nenos e nenas, ampliándose esta cifra ata 103 no mes de xullo.

Nestes primeiros días xa gozamos dunha gran variedade de actividades: manualidades, contacontos, xogos cooperativos, dinámicas de igualdade, obradoiros creativos e moitas propostas pensadas para seguir aprendendo e divertirnos. Cada xornada convértese nunha oportunidade para descubrir, crear e vivir momentos únicos.

O ambiente que se respira é inmellorable. O compañeirismo, a amizade, o respecto e a colaboración están presentes en cada actividade, facendo que cada neno e cada nena se sinta parte desta gran familia que creamos no DIVERTEO “A RAMALLOSA”.

Monitores e participantes compartimos un mesmo obxectivo: vivir un verán inesquecible, cheo de sorrisos, aventuras e experiencias que quedarán para sempre na nosa memoria. Isto non acaba máis que de comezar, e aínda nos quedan moitas sorpresas, xogos e momentos especiais por vivir.

Que comece a aventura! Benvidos, benvidas!