Campamento de Verán de Pontecesures

A última función deste verán

Chegamos á última semana do noso Campamento de Verán en Pontecesures e quixemos aproveitala ata o último minuto. Foron cinco días de creacións, xogos, preparativos e moita diversión que remataron cunha das nosas tradicións favoritas: a gran festa de disfraces!

Comezamos a semana descubrindo unha nova temática: as abellas. En asemblea compartimos todo o que sabiamos sobre estes pequenos insectos e organizamos algunhas das propostas que nos acompañarían durante os seguintes días. O mal tempo obrigounos a cambiar os plans e trasladarnos ao pavillón, pero iso non nos impediu movernos con fútbol, acrosport e diferentes xogos.

Os máis pequenos comezaron tamén a preparar unha sorpresa moi circense: empregando as súas mans e pintura gris crearon uns simpáticos elefantes de circo para levar como recordo aos seus fogares.

O martes chegou o momento de poñernos mans á obra coa nosa temática semanal. Os medianos e maiores crearon abellas de cartón e la, practicando unha particular técnica de “cosido”, mentres que os pequenos empregaron témperas negras e amarelas para estampar as súas propias mans e transformalas en abellas, completándoas posteriormente coas súas caras e ás. E, como sempre hai que deixar espazo para correr e xogar, tamén aproveitamos o exterior para continuar desfrutando xuntos.

A metade da semana estivo dedicada a preparar un dos recordos máis divertidos deste verán. Despois de fotografar individualmente a cada participante, convertémolos en auténticos surfistas: recortamos as súas fotografías e incorporámolas a diferentes ilustracións que eles mesmos decoraron. Así conseguimos uns collages moi persoais que esperamos que lles axuden a lembrar algunha das aventuras compartidas durante estes meses. A xornada completouse cun pouco de baloncesto e xogo en grupo.

O xoves retomamos o mundo das abellas para descubrir un pouco máis sobre as súas colmeas. Os pequenos experimentaron co papel de burbullas e a pintura para estampar os seus panais e empregaron esponxas para enchelos de pequenas abellas. Mentres tanto, medianos e maiores comezaron a mirar cara á nosa gran despedida e, con papel, cores e un pouquiño de papiroflexia, crearon as súas propias carpas de circo.

E case sen darnos conta… chegou o venres! O noso último día transformou o campamento nun auténtico circo. Tivemos pintacaras, música, bailes e o noso tradicional desfile de disfraces, no que apareceron personaxes de todo tipo e cada participante puido lucir a súa elección.

Tamén chegou o momento de estrear todo aquilo que levabamos días preparando. Probamos sorte encestando aros no nariz do pallaso, lanzando pelotas aos nosos xogos de feira e superando diferentes retos. E, por suposto, non podían faltar as fotografías no noso photocall, que nos deixaron algunhas das últimas lembranzas deste verán.

Así, entre risas, música, disfraces e algún que outro lanzamento con máis entusiasmo que puntería, chegamos ao final desta aventura.

Foron semanas de xogos, obradoiros, festas da auga, saídas, natureza, arte, descubrimentos e moitísimas experiencias compartidas. Pero, por riba de todas as actividades, quedamos cos momentos vividos xuntos, coas novas amizades, coas risas e con todo aquilo que os nenos e nenas fixeron seu ao longo do campamento.

Pechamos a carpa por este verán… pero levamos connosco un montón de bos recordos. Ata a próxima aventura!

A nosa pequena galería de grandes artistas

A NOSA PEQUENA GALERÍA DE GRANDES ARTISTAS

Esta semana comezamos unha nova aventura no Campamento de verán de Pontecesures, adentrándonos nunha temática chea de cor: as bolboretas. Ao longo dos primeiros días, os diferentes grupos puxeron mans á obra para crear as súas propias bolboretas, que posteriormente levaron para os seus fogares.

Os máis pequenos empregaron ceras de cores, témperas, as súas propias mans e moita imaxinación para estampar unhas bolboretas do máis coloridas. Pola súa parte, os medianos e maiores optaron por unha técnica diferente, creando as ás a partir de recortes de papeis de cores e dando forma a deseños únicos e moi orixinais.

Pero non todo ía ser traballar sentados! Tamén puxemos ritmo ás nosas xornadas con música e baile, ademais de aproveitar o bo tempo para realizar xogos deportivos no exterior e gozar de momentos de xogo e lecer no parque.

E, como non podía faltar no verán, tamén chegou unha das actividades máis agardadas: a festa da auga! Refrescámonos e pasámolo en grande con diferentes xogos de auga, convertendo a xornada nunha auténtica festa.

O mércores continuamos descubrindo o mundo das bolboretas, pero desta vez fixándonos nunha etapa anterior da súa vida: as eirugas. Para crear as nosas empregamos algodón e témpera diluída en auga, pintando cada unha das súas partes en tons verdes e amarelos. Unha técnica diferente coa que experimentamos coa cor e que nos deixou uns resultados chulísimos!

O xoves comezamos a mirar xa cara á nosa próxima festa temática. Entre todos e todas puxémonos mans á obra cos primeiros preparativos, comezando a elaborar o cartel de benvida e un photocall que pouco a pouco irán transformando os nosos espazos.

Ademais, vivimos unha experiencia moi especial: tivemos a oportunidade de participar na elaboración do novo mural do colexio xunto ao artista Doctortoy. Os nenos e nenas puideron colaborar directamente empregando pintura e deixando a súa pequena pegada nunha creación que quedará no centro. Sen dúbida, unha proposta moi enriquecedora que nos permitiu achegarnos á arte dunha maneira moi práctica e divertida.

E para rematar a semana, o venres continuamos cos preparativos da festa. Desta vez tocou fabricar os nosos propios xogos de feira, con propostas de lanzamento de aros, xogos de encestar e outros pequenos retos. Todo elaborado por nós mesmos con cartón, pintura, materiais sinxelos e, sobre todo, moita imaxinación.

Así pechamos unha semana na que houbo tempo para crear, experimentar, bailar, mollarnos, facer deporte e mesmo converternos por un día en pequenos artistas. E entre actividade e actividade… xa comeza a sentirse que algo grande se está preparando para a nosa última festa! 🎪

As pegadas do pasado son as aventuras do presente

Nos últimos días, os participantes do campamento de verán de Pontecesures fixeron unha pequena viaxe no tempo para achegarse á Prehistoria, converténdose por uns días en auténticos exploradores e exploradoras do pasado.

Para iso, comezamos descubrindo que sabían os nenos e nenas sobre esta etapa e que cousas espertaban a súa curiosidade. A partir das súas ideas, os máis pequenos puxéronse mans á obra coa creación do mural “As nosas pegadas”, no que recreamos as pinturas das antigas covas deixando as siluetas das nosas mans e creando os nosos propios personaxes prehistóricos, aos que incluso vestimos con pelaxes elaboradas por nós mesmos. Tamén coñecemos un dos animais máis característicos daquela época e cada pequeno levou para a casa o seu propio mamut elaborado a partir da estampación da súa man.

Os grupos de maior idade tamén se achegaron á vida prehistórica dunha maneira moi particular; saíron ao patio na procura de materiais naturais cos que construír as súas ferramentas, empregando paus, pedras e cordas e poñendo a proba o seu enxeño.

Pero non todo ía ser viaxar ao pasado! As altas temperaturas acompañáronnos durante boa parte da semana, así que aproveitamos para introducir propostas ben refrescantes. Participamos nunha busca do tesouro prehistórica, competimos na nosa Carreira de gotas transportando auga con vasos, adaptamos xogos tradicionais e gozamos de divertidas festas da auga.

Tamén houbo tempo para mirar cara ao ceo… Aproveitando unha xornada moi especial, compartimos en asemblea o que sabiamos sobre o eclipse solar, intercambiando curiosidades, preguntas e coñecementos sobre este fenómeno.

E de mirar ao ceo pasamos a mirar moi, moi de preto o noso patio. Na proposta “A expedición”, os pequenos elaboraron os seus propios prismáticos con materiais reutilizados e saíron con eles na procura dos elementos do seu Bingo da Natureza. Follas, flores, pedras, insectos e pequenos tesouros naturais fixéronnos descubrir que non sempre é necesario ir moi lonxe para atopar cousas sorprendentes.

Precisamente a natureza volveu sorprendernos na última xornada coa aparición de dous curiosos visitantes: unha mantis relixiosa e un saltón toupa. Aproveitamos o encontro para observalos, coñecer algunhas das súas características e seguir alimentando a curiosidade e o respecto polos pequenos seres cos que compartimos a nosa contorna.

Finalmente, despedimos a quincena converténdonos en floristeiros e floristeiras, creando coloridos ramos de flores que os nenos e nenas levaron aos seus fogares como recordo. Entre xogos, música, baile, saltos á corda e unha merenda de aniversario compartida, puxemos o punto final a unha semana chea de descubrimentos.

Agosto bota raíces

Coa chegada do mes de agosto comezamos unha nova quincena no Proxecto de Verán de Pontecesures, recibindo novos nenos e nenas que se incorporaron ao campamento. Estes primeiros días serviron para coñecernos, facilitar a integración dos novos participantes e seguir creando vínculos entre todas as idades a través do xogo e das diferentes propostas compartidas.

Aínda que a semana anterior puxemos o punto final ao noso proxecto sobre A Vía Láctea, o gran interese que esta temática espertou entre os nenos e nenas animounos a recuperar o espazo como protagonista dunha actividade extra. Nesta ocasión, os máis pequenos elaboraron o seu propio meteorito empregando papel de aluminio, ceras e outros materiais, mentres que os grupos de medianos e maiores deseñaron e construíron os seus propios foguetes. Unha proposta coa que demos resposta á curiosidade da rapazada e volvemos viaxar, por unha mañá máis, polo universo a través da creatividade.

Durante esta semana tamén reservamos momentos para favorecer a cohesión dos novos grupos. Baile, fútbol, adiviñas, mímica e diferentes xogos colaborativos permitíronnos compartir momentos de diversión e facilitar que os participantes que se incorporaban nesta quincena fosen coñecendo aos seus novos compañeiros e compañeiras.

A partir do mércores, a natureza converteuse na gran protagonista das nosas mañás. Comezamos plantando as nosas propias sementes de lentellas. Cada participante decorou o seu recipiente, preparou o algodón, engadiu auga e colocou as sementes. Agora queda unha parte fundamental da experiencia: observar a súa evolución e responsabilizarnos do seu coidado día a día, descubrindo pouco a pouco como comezan a xermolar e medrar.

Por outra banda, continuamos explorando a nosa contorna coa creación das pulseiras da natureza. Cun sinxelo anaco de celo e moita imaxinación, saímos ao patio á procura de pequenas flores, herbas e outros elementos naturais cos que cada participante elaborou unha pulseira diferente. Unha proposta sinxela que nos permitiu observar con máis atención todo aquilo que temos ao noso arredor e descubrir as posibilidades creativas que nos ofrece a propia natureza.

Para pechar a semana, levamos todo o aprendido a unha proposta artística colectiva: os nosos murais da natureza. Cada grupo centrou o seu traballo nun elemento diferente; os máis pequenos descubriron e representaron as árbores, os medianos traballaron arredor dos cactos e os maiores investigaron sobre as flores. Empregando pinturas, papel de periódico, cola e diferentes materiais, cada grupo deu forma á súa particular interpretación da natureza.

Así comezamos agosto, dando a benvida a novos compañeiros e compañeiras, creando, xogando, investigando e descubrindo que a aprendizaxe pode estar tanto nas estrelas como nunha pequena semente ou nunha flor do noso patio.

Un mes para chegar ás estrelas… e rematar por todo o alto! 🚀✨

Durante esta última semana de xullo, en Pontecesures puxemos o broche final ao noso gran proxecto sobre A Vía Láctea, unha aventura que nos levou a descubrir curiosidades sobre o universo mentres dabamos renda solta á nosa creatividade.

Ao longo destes días fomos rematando todas as elaboracións iniciadas nas semanas anteriores. Os grupos completaron a gran nave espacial, os planetas, os cascos e as mochilas de astronauta, elaboradas con materiais reciclados grazas á colaboración das familias. Ademais, dedicamos un tempo a preparar unha pequena exposición para que todos os participantes puidesen coñecer e admirar as creacións realizadas polos compañeiros e compañeiras doutras idades, compartindo ideas e valorando o traballo realizado por cada grupo.

Aproveitamos tamén para seguir aprendendo a través da observación da natureza máis próxima. No patio do campamento descubrimos pequenos habitantes que conviven connosco cada día, como xoaniñas, formigas ou lagartos, achegándonos ao seu papel dentro do ecosistema e espertando a curiosidade por todo o que nos rodea.

Como en cada semana, tampouco faltaron os xogos colectivos, escollidos en moitas ocasións polos propios nenos e nenas mediante votación en asemblea. Brilé, polis e cacos, xogos tradicionais, salto á corda e outras propostas como adiviñas, acertijos e o gran “El impostor”, volveron converterse en espazos de convivencia, movemento e diversión compartida.

A última xornada foi, sen dúbida, unha das máis especiais do mes. Tras elaborar unhas últimas pulseiras, celebramos un desfile temático no que cada grupo presentou con orgullo as súas creacións espaciais. Ao ritmo da música, os participantes desfilaron lucindo os seus complementos elaborados durante o proxecto, enchendo o campamento de cor, baile e ilusión.

Como peche desta etapa, tivemos a sorte de desfrutar do espectáculo de narración oral «Planeta LGTBIQ», unha proposta divertida e chea de mensaxe que, a través da historia do planeta M’BURRO, nos convidou a reflexionar sobre o valor da diversidade, o respecto e a importancia de que todas as persoas e todas as familias son diferentes, facendo da diversidade unha verdadeira riqueza.

Con esta xornada despedimos un intenso mes de xullo, no que aprendemos, xogamos, creamos e compartimos innumerables experiencias. Agora toca seguir vivindo novas aventuras durante o mes de agosto, coa mesma ilusión e as mesmas ganas de descubrir o mundo que nos rodea.

Entre estrelas e peregrinos: unha semana para descubrir novos camiños

Esta semana, a rapazada do Proxecto de Verán de Pontecesures embarcouse nunha dobre aventura chea de creatividade, aprendizaxe e descubrimentos. Por unha banda, comezamos a nosa viaxe polo universo coa proposta «A Vía Láctea» e, pola outra, achegámonos ao patrimonio máis próximo coñecendo de preto o Camiño de Santiago ao seu paso polo noso concello.

Ao longo da semana puxemos en marcha un proxecto artístico sobre o Sistema Solar, no que cada grupo elaborou unha creación adaptada á súa idade. Os máis pequenos comezaron a confeccionar os diferentes planetas empregando pratos de cartón, o grupo intermedio iniciou a construción dunha nave espacial con materiais reciclados e os maiores deseñaron os seus propios cascos de astronauta. Mentres desenvolvíamos estas creacións, tamén fomos descubrindo curiosidades sobre os planetas, a exploración espacial e o lugar que ocupa a Terra dentro da Vía Láctea.

Coincidindo coa proximidade do Día de Galicia, dedicamos parte das actividades a preparar unha proposta centrada no Camiño de Santiago. Os participantes elaboraron as súas insignias de peregrino e coñeceron algunhas das tradicións e símbolos máis representativos da ruta xacobea, preparándose para a saída que realizaríamos ao remate da semana.

O xoves, os grupos participaron na Xincana do Consumo Responsable, organizada polo Concello de Pontecesures. A través de diferentes retos e preguntas por equipos, tiveron a oportunidade de aprender, dun xeito lúdico e participativo, cuestións relacionadas co consumo responsable, os dereitos das persoas consumidoras, a publicidade, a etiquetaxe dos produtos e o uso responsable das novas tecnoloxías. Tras a actividade, compartimos unha agradable merenda ao aire libre no parque municipal antes de regresar ao campamento.

Como peche da semana, convertémonos en auténticos peregrinos percorrendo un treito do Camiño de Santiago ao seu paso por Pontecesures. Durante o percorrido saudamos a varios peregrinos, descubrimos diferentes recunchos do municipio e mesmo vivimos unha pequena aventura cando unha chuvia inesperada nos obrigou a buscar acubillo durante uns minutos. Unha vez escampou, continuamos a nosa camiñada ata Porto, desfrutando da paisaxe, da convivencia e dunha xornada diferente que nos permitiu coñecer un pouco mellor o patrimonio e a contorna que nos rodea.

Coñecer para respectar: unha visita con patas

Esta semana, o Proxecto de Verán de Pontecesures continuou ofrecendo novas experiencias de aprendizaxe e lecer arredor da temática Vitaminas Verdes, cunha proposta moi especial que espertou a curiosidade de toda a rapazada. Baixo o nome de «Unha visita con patas», cada día recibimos a visita dun animal diferente, convertendo o campamento nun auténtico espazo de descubrimento e respecto pola natureza.

Grazas á colaboración dun dos nosos monitores, tivemos a oportunidade de coñecer de preto dúas tartarugas, un sapo, unha chinchilla, dúas salamandras e un petauro do azucre. A través da observación directa, da exploración e dun divertido espazo de preguntas e respostas, os nenos e nenas puideron descubrir como viven estes animais, de que se alimentan, cal é o seu hábitat natural, como debemos actuar se os atopamos na natureza e que coidados precisan. Tamén falamos sobre a importancia da biodiversidade, o significado de que unha especie estea en perigo de extinción, as funcións que moitos destes animais desempeñan nos ecosistemas —como o control de mosquitos por parte dos sapos ou de babosas polas salamandras— e curiosidades relacionadas coas súas características, como as manchas, os mecanismos de defensa ou a súa posible toxicidade. Ademais, a rapazada puido achegarse aos animais, observalos con atención e, nalgúns casos, incluso tocalos sempre dun xeito respectuoso e responsable.

Por outra banda.. o mércores levamos a cabo outro dos momentos máis especiais da semana cun obradoiro de doces con froitas. Grazas á colaboración das familias, que achegaron unha peza de froita por participante, organizámonos en equipos formados por nenos e nenas de diferentes idades para elaborar coloridas tortas de froitas. Unha actividade que combinou creatividade, traballo cooperativo e hábitos de alimentación saudable e que rematou da mellor maneira posible: compartindo e degustando as elaboracións realizadas por cada grupo.

Como cada semana, o xogo seguiu sendo o principal motor das nosas mañás. Entre as propostas máis destacadas atopáronse un divertido Mundialito de fútbol, partidas de polis e cacos, xogos de brilé e fútbol adaptados ás diferentes idades e un gran xogo do pano, no que introducimos distintas variantes para facer cada rolda máis dinámica e divertida. Antes de regresar ao seu equipo, os participantes tiñan que superar pequenos retos como dar voltas sobre si mesmos, saltar, dar palmadas ou repetir secuencias de cores, poñendo a proba tanto a súa coordinación como a súa atención.

Seguimos desfrutando dun verán cheo de experiencias nas que o xogo, a convivencia e a aprendizaxe van sempre da man, descubrindo cada día novas formas de coñecer e respectar o mundo que nos rodea.

Pontecesures dá a benvida a un novo verán

O Proxecto de Verán 2026 xa botou a andar en Pontecesures e, durante estas primeiras semanas, a rapazada comezou a coñecerse e a crear vínculos a través de numerosas propostas lúdicas e cooperativas. Nestes primeiros días optouse por realizar moitas actividades en gran grupo, reunindo participantes de diferentes idades para favorecer a convivencia e a creación dun ambiente de confianza, sen esquecer momentos específicos adaptados ás distintas etapas evolutivas.

As mañás estiveron cheas de xogos de presentación, bailes, sesións de acrosport, a mariola, o twister, brilé, fútbol, o oso durmilón, “El pueblo duerme” e outros xogos tradicionais e cooperativos que converteron cada xornada nunha nova oportunidade para compartir, divertirse e facer novas amizades.

A creatividade tamén tivo un papel protagonista coa elaboración de pulseiras, obradoiros de caricaturas, debuxo libre, lectura de contos e pequenas exploracións dos elementos naturais da contorna, fomentando a curiosidade e o respecto polo medio que nos rodea. Ademais, dedicamos tempo a actividades máis tranquilas como o ioga, xogos de cartas como o Uno, partidas de Memory, xogos de mímica, saltos á corda e propostas de xogo simbólico empregando marionetas de animais.

Coincidindo coa celebración do San Xoán, realizamos unha recreación desta tradicional festa galega cunha fogueira simbólica que todos e todas puidemos saltar, compartindo un momento moi especial no que non faltaron a ilusión nin as risas.

Outro dos momentos máis destacados foi a representación dunha pequena obra de teatro creada e organizada pola propia rapazada, demostrando unha gran capacidade de imaxinación, cooperación e expresión artística.

Como peche desta primeira etapa, desfrutamos dunha saída moi especial para asistir ao contacontos «As letras de Begoña Caamaño», celebrado na Prazuela de Pontecesures. Grazas a esta actividade tivemos a oportunidade de coñecer un pouco máis sobre a vida e a obra da autora e, coa axuda dunha ilustradora, cada participante elaborou o seu propio retrato de Begoña Caamaño, poñendo o broche final a unha xornada chea de cultura, creatividade e aprendizaxe.

Seguimos sumando experiencias, xogos e aventuras nun verán no que cada día é unha nova oportunidade para aprender, compartir e coidar do noso planeta.