DiverTeo Os Tilos Verán
Poñemos fin a nosa gran película!!
Chegamos ao final deste mes de xullo cargado de diversión, creatividade e grandes momentos compartidos. Ao longo destes últimos días no DiverTeo dos Tilos, os nenos e nenas participaron nunha morea de actividades, entre as que destacaron:
Diferentes xogos de auga, perfectos para combater a calor e gozar todos/as xuntos/as. Tamén puxemos en marcha toda a nosa creatividade elaborando trofeos, para despedir por todo o alto o noso campamento cunha gran Gala de Premios, moi ao estilo Hollywood.
A aventura continuou cun emocionante xogo de pistas e acertixos, no cal, tiveron que descubrir quen roubara os trofeos. Un gran xogo para traballar en equipo.
Ademais, convertémonos en auténticas estrelas de cine preparando divertidas coreografías inspiradas en películas, demostrando talento, coordinación e moitas ganas de bailar ao ritmo dos Minions e Grease.
Como broche de ouro, celebramos unha gran festa de despedida na que non faltou detalle. O photocall que crearamos anteriormente converteuse no escenario perfecto para inmortalizar os mellores recordos. Houbo purpurina, tatuaxes, pintacaras, moita música e un ambiente cheo de sorrisos, baile e emoción.
Foi unha semana inesquecible, chea de experiencias e momentos que quedarán para sempre na nosa memoria. Grazas a todas as familias pola confianza e, sobre todo, aos nosos nenos e nenas por encher cada día de ilusión, enerxía e alegría.
Ata a próxima aventura!
Unha semana de aventuras!!
Comezamos a semana cun taller de alimentación saudable, no que os nenos e nenas de primaria puxeron en práctica os seus coñecementos elaborando diferentes menús. Pola outra banda, os/as máis pequenos/as realizaron un semáforo dos alimentos, aprendendo a distinguir aqueles que debemos consumir con máis frecuencia, de forma ocasional ou só en momentos putuais.
Outra das actividades foi a creación do noso Muro da Fama, no que cada cativo/a deixou a súa pegada, creando entre todos un fermoso recordo ao máis puro estilo de Hollywood.
Tamén tivemos a oportunidade de asistir a unha fantástica actuación de maxia no Parque dos Tilos. Un dos momentos máis especiais da xornada foi cando un dos nosos nenos se converteu no auténtico protagonista do espectáculo, colaborando e facendonos rir a todos e todas.
A diversión continuou cun especial Grand Prix, no cal, os nenos e nenas tiveron que poñer en marcha todo o seu enxeño, axilidade e sen dúbida a súa gran capacidade para traballar en equipo.Unha xornada chea de probas nas que destacaron diferentes retos coma: o Bingo da Natureza, Zapato Veloz e Ponte movediza entre outras tantas.
E damos o broche final a esta semana cun espectacular roteiro ata o Tobogán de Pedra, onde os nenos e nenas puideron desfrutar e experimentar coa natureza.
Pechamos unha quincena de película!!
Despedimos a primeira quincena do mes de xullo cunha semana chea de xogos, música e creatividade. Ao mesmo tempo, damos a benvida á segunda quincena, que continuará tendo como fío condutor o cine.
Durante esta semana, destacaron diferentes actividades como a gran xincana de cine, onde os nenos e nenas de primaria puxeron a proba o seu enxeño e o traballo en equipo, mentres os máis cativos desfrutaron da “búsqueda dos personaxes perdidos”, unha divertida proposta chea de pistas e desafíos.
A creatividade tamén tivo un papel protagonista coa creación de películas, permitindo que os nenos e nenas se convertesen en directores e guionistas por un día. Ademais, gozaron doutras actividades tradicionais como o Cachibote, así como dos momentos de xogo libre no areeiro e na carballeira, espazos ideais para compartir, explorar e divertirse ao aire libre.
Tamén debemos destacar o gran traballo dos nenos e nenas de infantil, quenes elaboraron coas súas propias mans capas e escudos de héroes e heroínas, os cales, luciron con moito orgullo e ritmo no noso gran desfile final de quenda.
E como broche final a esta primeira quincena, celebramos unha gran festa de disfraces inspirada en diferentes películas! Os nenos e nenas convertéronse por unhas horas nos seus personaxes favoritos enchendo o campamento de cor, música e moita diversión. Non podía haber mellor maneira de despedir estas dúas primeiras semanas e dar a benvida á segunda quincena deste mes de xullo.
Diversión de película nos Tilos
Damos o pistoletazo de saída a este DiverTeo 2026, o cal, xira arredor do mundo do cine. Nestes primeiros días puidemos desfrutar de unha morea de actividades repletas de risas, creatividade, traballo en equipo e educación en valores.
Unha das actividades máis emocionantes foi a Gran Competición das Estrelas de Cine, na que as nenas e nenos superaron diferentes probas.
A maxia continuou cun Bingo Disney, unha actividade que puxo a proba os coñecementos sobre diferentes personaxes e, a cal, deu un volco xigante a nosa gran competición.
Por outra banda, a creatividade tamén tivo un espazo nestes días coa creación de heroes e heroínas, onde cada participante deseñou o seu propio personaxe e poderes para as nosas películas.
Outro dos momentos máis especiais foi a actividade de educación en valores baixo o lema «Con-Metas de Valores». As nenas e os nenos decoraron cometas nas que plasmaron mensaxes relacionados coa igualdade, o respecto, a inclusión e a diversidade. Frases como «Ames a quen ames, está ben» ou «Un mundo mellor comeza coa igualdade e o respecto» voaron ben alto, lembrándonos a importancia de construír unha sociedade máis xusta e respectuosa. Moi orgullosas de todos e todas!
Para rematar debemos destacar o gran xogo *Furor”, unha das actividades que máis éxito tivo durante a semana. Os nenos e nenas puideron demostrar as súas dotes artísticas cantando, bailando e ata representando grandes películas. Unha actividade repleta de risas e aplausos!
E, para combater a calor do verán, non podían faltar os xa tradicionais xogos de auga.
Seguimos sumando experiencias, aprendizaxes e momentos inesquecibles nun campamento que, sen dúbida, está a ser… de película!




