DiverTeo Ramallosa Verán

A diversión está asegurada na Ramallosa!

Durante este mes de agosto non faltou diversión no Diverteo de Ramallosa. Tivemos a gran oportunidade de xuntarnos as tres escolas de Teo no mesmo espazo, e así poder coñecer a novos/as compañeiros/as.

Estes días os nenos/as de Infantil somerxéronse no mundo mariño a través dun conto sobre os Océanos. Crearon un mar cheo de animais acuáticos empregando diferentes texturas, e tamén estamparon conchas.

Co conto de “Garvanciño” simularon un mercado, e fixeron moedas e comida para mercar, aprendendo a comprar de forma responsable, ademais, de coñecer a alimentación saudable.

Por outra banda, coñeceron o mundo das profesión ca axuda co conto de “Paco Papán”, fixeron xogos de mímica para adiviñar as diferentes profesións, e convertéronse en bombeiros/as facendo un debuxo e estampando as súas mans simulando o lume. Pero o mundo das profesións non quedou so niso, senón que tamén probaron un casco futurista e convertéronse en verdadeiros/as astronautas e construíron o seu propio cohete.

A diversión seguiu con unha chea de xogos como: “ensalada de zapatos”, “oso durmilón” e “catro esquinas”  entre moitos outros. Tamén houbo tempo para unha búsqueda do tesouro sobre o verán e de bailar ao ritmo de xogos musicais.

Pola súa parte, o grupo de Primaria convertéronse en verdadeiros expertos das xincanas xa que realizaron varias ao longo deste mes. A xincana de Disney, con probas sobre películas, facendo mímica de diferentes personaxes, xogando ao pilla-conxeados como “Frozen” ou facendo carreiras de relevos coma “Cars. Outra das xincanas foi a do “arco da vella”, onde os grupos debían conseguir todas as cores a través de probas de movemento e de preguntas. Tamén fixeron unha xincana con periódicos, xogando a roubar a cola, a conseguir o papel antes que o compañeiro/a ou unha guerra de bolas.

Ademais, tiveron a oportunidade de inventar xogos por equipos, que sen dúbida foron todo un éxito: “a avispa” un pilla-pilla, “o chaquibusca” un escondite onde se debe buscar unha soa persoa e a “chaquipelota” un escondite onde para salvarte hai que botar a pelota.

Tamén houbo tempo para xogar aos xogos que máis lles gusta aos participantes: “cachibote”, “láser”, “bote-gusanobrilé”, “fútbol chino” ou “sangue”.

E como un bo campamento tamén tivemos tempo de desfrutar todos/as xuntos/as, mezclando ambos grupos para desfrutar coma unha gran familia que somos. Fixemos en varias ocasións xogos de auga, para combater a calor e fomos de roteiro ao parque da Ramallosa, unha saída fantástica que foi todo un éxito.

Entre xogos, creatividade, traballo en equipo e moitas risas despedimos este mes de agosto, converténdose nunha experiencia inolvidable.

Equilibrio, novas aventuras e moita imaxinación n DiverTeo «A Ramallosa»!!!

A diversión e a aprendizaxe volveron ir da man no DIVERTEO “A RAMALLOSA” nunha semana chea de novas experiencias. Os nenos e nenas deixaron voar a súa imaxinación elaborando un simpático verme de cores, con ollos e antenas!!!, empregando materiais reciclados como as caixas de ovos e descubrindo así a importancia de dar unha segunda vida aos obxectos do día a día.

A creatividade continuou coa construción do noso propio boneco a partir de diferentes formas xeométricas, unha actividade coa que, ademais de desenvolver a expresión artística, reforzamos o recoñecemento de figuras xeométricas como círculos, cadrados, triángulos, rectángulos, etc., dun xeito lúdico e participativo.

A natureza tamén foi protagonista grazas a unha aventura de exploración pola contorna do campamento. Durante o percorrido observamos plantas, insectos e pequenos recunchos naturais, converténdonos por un intre en auténticos exploradores e aprendendo a valorar e respectar o medio que nos rodea.

O traballo en equipo e a confianza entre compañeiros e compañeiras puxéronse a proba nunha divertida sesión de ximnasia rítmica e equilibrio, na que creamos sorprendentes figuras e estruturas humanas inspiradas nas tradicionais torres de persoas, sempre adaptadas á nosa idade e realizadas con total seguridade.

A semana completouse con numerosos xogos tradicionais e actividades ao aire libre, que encheron cada xornada de risas, movemento e compañeirismo. Sen dúbida, unha nova semana inesquecible na que aprender, compartir e divertirse volveron ser os grandes protagonistas do DIVERTEO “A RAMALLOSA”.

Multitude de talleres creativos, fermosas coreografías e moita diversión no DiverTeo «A Ramallosa»!!!

Ao longo da terceira semana de xullo, no DIVERTEO “A RAMALLOSA” gozamos dunda gran variedade de talleres creativos. Un dos máis especiais foi a plantación de suculentas, que cada participante puido levar para a súa casa como recordo da experiencia. Ademais, elaboramos numerosas manualidades, entre as que destacan as medusas fedellas, as caretas bolboretas e moitas outras creación cheas de imaxinación.

A música e o movemento tamén tiveron un papel protagonista. Os participantes disfrutaron de bailes guiados a través de vídeos musicais que, ademáis, puxeron a proba a súa creatividade inventando e representando coreografías conxuntas.

A diversión continuou cos xogos ao aire libre, partidos de fútbol, actividades de convivencia baseadas no respecto e no compañeirismo, unha refrescante xornada na piscina e ata unha divertida “porra” relacionada co Mundial de Futbol, que mantivo a todos e a todas moi emocionados e emocionadas.

Sen dúbida, foi unha semana intensa, chea de risas, aprendizaxes e novas amizades, na que cada día estivo cheíño de ilusión e experiencias para lembrar. No campamento da Ramallosa seguimos creando momentos únicos para que cada verán sexa inesquecible.

A Ramallosa vive unha semana chea de música, teatro, ioga,… e moita diversión!!

Na segunda semana de xullo, no DIVERTEO “A RAMALLOSA” realizamos multitude de actividades nas que aprendemos, xogamos e compartimos grandes momentos. Comezamos moitas das mañás con fantásticos bailes para enchernos de enerxía, e tamén desfrutamos de sesións de ioga, que nos axudaron a relaxarnos e a coñecer mellor o noso corpo.

Un dos momentos máis especiais foi a visita de MIGALLAS TEATRO, que nos deleitou cun concerto de cancións en galego. Da man de Rosiña e da divertida “Orquestra de Pulgas”, aprendemos os ósos e os músculos do noso corpo mentres cantabamos, riamos e formábamos parte do espectáculo. Foi unha experiencia moi fermosa e entretida que nos encantou.

Ao longo da semana tamén démoslle vida á mascota do campamento, FUCO!!!, que nos acompañará durante todas as nosas aventuras e que xa se converteu nun membro máis da nosa familia.

Para rematar a semana, o venres refrescámonos na piscina exterior dos Tilos, onde gozamos dunha xornada chea de xogos, inmersións e moitas risas.

Sen dúbida, foi unha semana fantástica, cargada de aprendizaxes, convivencia e diversión no DIVERTEO “A RAMALLOSA”.

Arranca DiverTeo «A Ramallosa», un verán cheo de aventuras, compañeirismo e ilusión!!!

O pasado 22 de xuño deu comezo unha nova edición do campamento DIVERTEO “A RAMALLOSA”, un espazo de encontro, diversión e aprendizaxe no que os nenos e nenas volverán a compartir un verán inesquecible, cheo de actividades e experiencias.

Despois dunha longa espera, por fin volvémonos reencontrar nas instalacións do C.E.I.P. Plurilingüe da Ramallosa para dar comezo a unha nova edición do campamento. Cargados de ilusión, ledicia e moitas ganas de compartir un verán máis cos seus compañeiros e compañeiras, recibimos a 50 nenos e nenas, ampliándose esta cifra ata 103 no mes de xullo.

Nestes primeiros días xa gozamos dunha gran variedade de actividades: manualidades, contacontos, xogos cooperativos, dinámicas de igualdade, obradoiros creativos e moitas propostas pensadas para seguir aprendendo e divertirnos. Cada xornada convértese nunha oportunidade para descubrir, crear e vivir momentos únicos.

O ambiente que se respira é inmellorable. O compañeirismo, a amizade, o respecto e a colaboración están presentes en cada actividade, facendo que cada neno e cada nena se sinta parte desta gran familia que creamos no DIVERTEO “A RAMALLOSA”.

Monitores e participantes compartimos un mesmo obxectivo: vivir un verán inesquecible, cheo de sorrisos, aventuras e experiencias que quedarán para sempre na nosa memoria. Isto non acaba máis que de comezar, e aínda nos quedan moitas sorpresas, xogos e momentos especiais por vivir.

Que comece a aventura! Benvidos, benvidas!