Campamento Urbano de Verán de Vilagarcía de Arousa
A gran festa final: o adeús ás nosas aventuras de verán
Chega o momento de dicir ata logo a unha tempada inesquecible no noso Campamento Urbano de Verán en Vilagarcía. Tras mes e medio cargado de risas, retos superados, novas amizades e aprendizaxes que xa forman parte do corazón de cada un dos nosos pequenos, poñemos un punto e seguido nesta viaxe para que a cativada poida descansar e soñar coas vindeiras aventuras.
Para despedirnos como esta experiencia merece, hoxe vivimos unha xornada máis ca especial: unha gran festa chea de cor, ilusión e disfraces que encheron de maxia cada recuncho. Compartimos a emoción dunha última busca do tesouro onde o mellor premio foi, sen dúbida, esa merenda chea de gargalladas compartidas, e gozamos ao máximo dos inchables de auga e de seco entre xogos, abrazos e moita diversión.
O noso máis sincero agradecemento a cada neno e nena por regalarnos o seu entusiasmo, a súa luz e a súa ledicia cada día. Esperamos de corazón que estes pequenos grandes exploradores sigan mirando o mundo con esa curiosidade que os fai únicos.
Grazas por formar parte desta pequena comunidades. Isto non é un adeus, senón un ata axiña.
Visita ao Acuario
Na derradeira semana tivemos a sorte de poder viaxar en autobús ata O Grove para visitar o Acuario. Tras chegar ao destino, merendaron para ter suficeintes enrxías durante a visita e, unha vez alí, a rapazada foi visitando cada un dos diferentes acuarios, pois cada un representaba unha temática distinta, entre as cales tiñamos: a Ría de Arousa, o Océano Atlántico, as Illas Cíes, a Ensanada de O Bao, etc.
Entre os distintos animais que viven na auga, puidemos observar tartarugas, rapantes, douradas, polbos, tiburóns, congrios, anémonas e moito máis. E así despedímonos da última aventura con estes pequenos exploradores, dando lugar aos derradeiros días de Ludoteca, que xa chegan á súa fin…
A semana da auga
Comezamos unha nova e derradeira semana na Ludoteca e a rapazada creou o seu animal preferido para incorporar ao mural dos montes previamente feito. Tras a merenda, tamén gozaron dun ratiño facendo xogos de auga con esponxas, vasos e tinas e, por suposto, utilizaron as pistolas de auga que tanto lles gusta.
O xoves propuxemos facer un circuito motor onde os nosos exploradores superaron numerosos obstáculos traballando o equilibrio e a coordinación pasando por riba dunha corda, dunha cadeira e saltando polos aros simulando que cruzaban un río. Ademais, tamén puxeron a proba os sentidos a través dun xogo no que as crianzas se pasaban diversos obxectos da natureza como piñas, follas ou cunchas e tiñan que adiviñar de que elemento se trataba así como a súa textura e forma.
Ao día seguinte, gozamos dunha xornada no monte do Castriño desenvolvendo xogos como “Simón di”, xogos de relevos con piñas, “A araña” e unha busca de elementos naturais.
Tras a fin de semana, o luns a rapazada comeza unha nova temática falando da tradición da festa da auga e con elo, fan xogos de auga. Tamén fixeron unha manualidade creando unha gran gota de auga que pintaron empregando as mans.
No día do martes, contámoslle un conto sobre a festa da auga e outro sobre o Acuario e tamén xogaron ao “Tiburón”, xa que no día do mércores puideron desfrutar dunha visita ao Acuario en O Grove, onde os pequenos e pequenas descubriron en primeira persoa gran variedade de peixiños.
Do mar aos montes
Unha nova semana comeza na Ludoteca chea de creatividade por parte dos pequenos exploradores, e comezan facendo peixiños de papel pegando anacos de cartolina de cores como se fosen as escamas. Tras repoñer forzas no tempo de merenda, falamos sobre os hábitos saudables diferenciando os bos alimentos dos que non son tan bos. Logo, xogaron a clasificar os alimentos, levándoos no seu correspondente aro.
O venres foi un día de aventura no que a rapazada foi de excursión ao Parque dos Sentidos a Marín, onde puideron desfrutar dunha xornada de convivencia todos xuntos camiñando, observando e probando os instrumentos e xogando no parque.
Comezamos o luns con enerxía e a cativada, tras falar dos montes, representou o seu propio: mentres os máis pequenos pintaron nun mural, outros crearon unha carballeira con rolos de papel, témpera e cartolinas de cores. Tamén fixeron xogos como as cadeiras musicais, pilla-pilla ou o globo que non caia.
No día do martes xogamos a esconder un elemento típico dos montes: unha piña. Namentres, os demais, debían atopala. Posteriormente, con follas realizaron un frotagge para obter a súa folla estampada sobre papel. Pero outros, preferiron crear un monte con periódicos sobre cartolina, pintar o ceo, as nubes con algodóns e incluso algúns, quixeron complementalo dispoñendo as árbores creadas anteriormente.
Rematamos a semana co mércores facendo un debuxo no pasaporte sobre a saída a Marín e, despois cada neno imitou o seu animal favorito mediante xestos e o resto tiñan que adiviñar de cal se trataba. Finalmente, a xornada deu por rematada tras facer xogos de auga.
Imos a por outra semana máis!
Entre mares e peixes
Nesta nova semana comezamos o xoves facendo unha saída didáctica visitando os distintos postos da praza do mercado, onde os distintos guías foron orientando aos grupos nun percorrido variado visitando postos de froita, legumes, peixes e mariscos que alí hai e conversando con eles durante a visita.
E o venres rematamos a semana facendo unha actividade conxunta “A árbore da amizade”, na que a cativada deixou a súa pegada coa man nun gran mural. E tras repoñer forzas na merenda, cada neno/a elaborou unha flor facendo un churro de papel e debuxando a silueta da súa man, decorándoa libremente con ceras de cores.
Chega o luns e con el, comezamos unha nova temática: o mar. Os nosos exploradores pintan e decoran os seus peixiños coa técnica do collage e, despois, xogaron ao “Crocodilo durmiñón”, no que un neno facía de crocodilo durminte namentres o resto se acercaba paseniño. Pero cando este espertaba, tiña que perseguir e pillar aos demais. Para rematar o día, tamén xogaron a cruzar o mar sen ser pescados polo pescador.
O martes comezaron cun percorrido polos diferentes espazos do cole, onde cada un dos 7 mares tiña un reto a superar (xogar á raiola, pasar unha pelota cos pés sen caer ao chan, representar diferentes animais e ser adiviñado polos demais, etc). Por cada proba lograda, gañaban unha peza dun mapa que lles levou ao tesouro final. Tras repostar enerxía na merenda, cada neno/a tiña que tentar pescar o máximo número de peixiños cunha pinza da roupa.
Ao día seguinte, puidemos desfrutar dunha xornada de diversión no Parque da Xunqueira onde as crianzas correron, saltaron, socializaron e xogaron moito. Que ben o pasaron!
Exploramos sobre os pazos
Os exploradores rematan a semana facendo unha busca do tesouro polo patio traballando a observación, a atención e a orientación. E tamén se divertiron facendo “O globo viaxeiro”, un xogo cooperativo onde todos en círculo se pasaban un globo sen empregar as mans desenvolvendo a coordinación, o equilibrio e o traballo en equipo.
Chegado o venres, a cativada prepárase para saír cara o Parque da Xunqueira, onde gozaron dunha mañá moi entretida xogando no bambán, na tea de araña e tobogáns. Fixemos unha paradiña para repoñer forzas e merendar e seguiron xogando un pouco máis, dando por rematada a semana.
O luns comezaron plasmando no seu pasaporte un debuxo sobre a saída do venres e comezamos coa temática dos pazos, podendo apreciar as diferenzas respecto a un palacio (que non é o mesmo). Entón cada un crea o seu xarrón de flores coa técnica do estampado.
No día do martes, a cativada segue a traballar a creatividade e crean un gran pazo nun mural colaborativo. Ademais, crean as súas flores máxicas que se esparcen polo patio e a rapazada disponse a buscar para finalmente dispoñelas no gran mural. Rematamos a xornada cuns divertidos xogos de auga, unha das actividades preferidas dos cativos, como non!
Finalmente, o mércores realizamos un circuito motor poñendo en práctica as habilidades dos pequenos, superando obstáculos e traballando o esforzo, a superación e a capacidade de adaptación. E tras a merenda, tivemos a visita dun contacontos, unha pequena sorpresa para estes aventureiros.
A aventura dos Grobit na Illa da Toxa
Rematamos a primeira quincena cunha nova aventura visitando a aldea deos Grobbit na Illa da Toxa. Os nenos e nenas están preparados para viaxar en autobús e nada máis chegar poden visitar aos burriños que alí viven e descubren a súa casiña.
Continuamos camiñando polo sendeiro ata por fin chegar a aldea pero… Os Grobbit deben estar argallando algo que non se deixaron ver. Pero tivemos a sorte de poder entrar nunha das súas casiñas pois olvidáronse de pechar as portas! Ademais, xogamos no parque, merendamos e tamén visitamos aos buhiños e ao dragón co seu filliño que polo sendeiro se atopaban.
De volta, despedímonos dos burriños e rematamos a xornada tras chegar de novo ao cole no autobús.
Cal será a seguinte parada?
Os desafíos castrexos: unha semana de aventuras
Chega unha nova semana onde a cativada da ludoteca xoga coa terra, buscando polo patio diferentes obxetos enterrados como un casco, torques e unha vasilla. Logo, escolleron un e fixeron un sinxelo crebacabezas. Tras resolver o enigma, rematamos a xornada facendo xogos de auga transportando vasos e esponxas co obxectivo de encher un cubo antes que outros grupos. E por suposto, tiveron ocasión de xogar cada quen coa súa pistola de auga. Que ben o pasaron!
Tras un xoves pasado por auga e varios días coñecendo os castros a través do xogo, facemos a primeira saída da Ludoteca: unha camiñata para visitar o patrimonio cultural de Vilagarcía, visitando o Castro de Alobre. Tamén gozaron dunha xornada de xogos na natureza onde se fomentou o coidado e uso responsable do medio natural.
Tras o descanso da fin de semana chega o luns e cada neno creou o seu pasaporte de detective co fin de selar nel cada reto logrado nas diferentes saídas. Ao día seguinte, os nenos e nenas xogaron “Ao ritmo do corpo” facendo estiramentos con música, desenvolvendo a percepción espacio-temporal e movendo as distintas partes do corpo con xogos como “O semáforo”.
Finalmente, o mércores superaron unha nova aventura visitando aos burriños e a aldea dos Grobbits, dando por rematada a primeira quincena de Ludoteca. Despedímonos dalgúns, e damos benvida a novas crianzas e aventuras!
Primeiras experiencias na Ludoteca
Comezamos unha nova etapa na Ludoteca de Vilagarcía nas instalacións do CEIP A Lomba, onde a cativada comeza a coñecerse a través de xogos de presentación como “Chámome… e gústame…”. Principalmente, incidimos en coñecer as normas de convivencia básicas para todos poder divertirnos e facemos os grupiños atendendo aos seus intereses para poder pasalo o mellor posible.
O xoves entramos en temática, e cada neno coloreou o seu detective. Outros preferiron pintalo nun gran mural de forma cooperativa; e tamén fixemos un circuito motor para demostrar a axilidade dos pequenos detectives. Por suposto tamén nos divertimos con actividades como “Pato-choco”, “Pilla-pilla” ou “A busca do enigma perdido”.
Chegamos ao venres e os máis peques comezan escoitando un pequeno conto e xogo cooperativo. Tras coller forzas coa merenda, crearon os seus prismáticos de exploradores
Amence un novo luns, tras o fin de semana e parece que os pequenos veñen coas pilas ben cargadas. Fixemos unha búsqueda dos animais polo patio e comezamos a indagar e coñecer os castros a través dun conto. Logo, construiron o seu castro con periódicos, unindo as diversas pezas así como con elementos naturais como follas ou herbas para o tellado. Ao día seguinte, os nenos fixeron unha maqueta dun castro con materiais reciclados fomentando o consumo responsable e pintamos nun mural os castros empregando area, follas e herbas.
Chega o mércores e a cativada constrúe o seu castro con conchonetas e sillas promovendo o traballo cooperativo. Ademais, coñecen algúns obxectos antigos da época e colorean un colgante e o recortan, superando así a primeira semana de Ludoteca.
Imos a por outra, con máis aventuras e mellores!









