Durante as vacacións de Nadal, do 22 de decembro ao 5 de xaneiro, o Campamento de Nadal de Avión converteuse nun espazo de aprendizaxe, creatividade e convivencia para os nenos e nenas participantes, que gozaron dun programa de talleres pensados para celebrar estas datas tan especiais.
Ao longo destes días realizáronse numerosos talleres creativos, comezando coa elaboración de figuras de plastilina para o belén, fomentando a imaxinación e o traballo manual. Tamén tiveron lugar actividades como o taller de decoración de madalenas de nadal, no que os participantes puideron dar renda solta á súa creatividade… e ao seu padal.
As tradicións tiveron un papel fundamental no campamento. Celebrouse a Noiteboa cun ambiente festivo, acompañada de panxoliñas e da redacción da carta a Papá Noel.
A sustentabilidade tamén estivo presente coa creación de xoguetes con material de refugallo e a elaboración de adornos de Nadal con papel. Ademais, despediuse o ano cunha animada festa de Fin de Ano, na que non faltaron as uvas, os globos e a celebración compartida.
Xa no comezo do novo ano, os nenos e nenas escribiron as súas cartas aos Reis Magos e viviron un dos momentos máis especiais do campamento coa visita dos Reis, poñendo o broche final a uns días cheos de ilusión.
O Campamento de Nadal de Avión pechou así unha edición onde a maxia estivo presente grazas a un elfo que nos acompañou coas súas trasnadas e á sorte de desfrutar dalgunha nevada inesperada, facendo a experiencia aínda máis especial.

