Durante o mes de outubro, as participantes do Taller de Memoria do Centro Sociocultural de Porta do Camiño continuaron exercitando as súas capacidades cognitivas a través de diferentes propostas que combinaron a memoria, a atención, o razoamento, a linguaxe e a creatividade, sempre desde unha perspectiva lúdica, participativa e dinámica.

Aproveitando a celebración do Samaín, desenvolvemos actividades adaptadas a esta temática, entre as que destacou a creación colectiva de historias a partir de tarxetas ilustradas. Cada participante, tomando como referencia a imaxe que lle correspondía, debía continuar o relato iniciado polas súas compañeiras, lembrando os acontecementos anteriores e incorporando novos elementos á narración. Un exercicio no que a imaxinación e a espontaneidade foron da man da memoria, a atención e a expresión oral, dando lugar a historias tan sorprendentes como divertidas.

A linguaxe tamén tivo un papel protagonista ao longo das sesións. Mediante xogos de asociación de palabras, adiviñas a partir de pistas, partidas de Tutifruti e retos de construción de frases a partir de iniciais, traballamos a recuperación de vocabulario, a fluidez verbal, a capacidade de asociación e a axilidade mental. Propostas que, ademais de estimular o pensamento, favoreceron a participación e o intercambio de ideas entre as compañeiras.

Por outra banda, dedicamos parte das sesións a exercicios de atención, coordinación óculo-manual e razoamento lóxico-matemático. Entre eles, realizamos percorridos seguindo indicacións de frechas sobre cuadrículas, actividades de reconto de figuras, resolución de operacións con resultados incompletos e tarefas de identificación de imaxes atendendo a diferentes consignas. Estas dinámicas permitíronnos traballar a concentración, a orientación espacial, a precisión e a capacidade para seguir instrucións.

Completamos as propostas con exercicios de ordenación de frases, nos que as participantes tiveron que reorganizar palabras para construír enunciados coherentes, poñendo en práctica a comprensión lectora, a organización da información e o razoamento verbal.

Deste xeito, outubro deixounos novas oportunidades para aprender, compartir e seguir mantendo a mente activa. Porque no noso obradoiro cada reto é tamén unha ocasión para pensar, colaborar e descubrir que exercitar a memoria pode ser, ademais de enriquecedor, moi divertido.