A semana do luns 10 de novembro arrancou en Caldas de Reis unha nova edición do Taller Municipal de Estimulación Cognitiva, unha iniciativa do Concello destinada a promover o envellecemento activo e o mantemento das capacidades mentais das persoas maiores. As actividades desenvólvense no novo centro do Fogar do Maior, no que o programa conta cunha aula propia especificamente acondicionada para o seu funcionamento.
O taller está estruturado en catro actividades complementarias. A primeira delas é o taller de memoria e psicomotricidade, que se realiza os luns e os mércores de 17:00 a 18:30. As sesións combinan exercicios de recordo, atención e coordinación con movementos suaves que favorecen a mobilidade e o benestar xeral.
Os talleres de estimulación cognitiva teñen lugar os martes e os xoves. Debido á ampla demanda, puxéronse en marcha dous grupos diferenciados: un de 16:30 a 18:00 e outro de 18:00 a 19:30. Nestes encontros trabállanse distintas áreas cognitivas como linguaxe, cálculo, orientación, razoamento e resolución de problemas, ademais de xogos e dinámicas grupais.
A cuarta modalidade é Memoria Viaxeira, na que as persoas participantes recollen material para realizar nas súas casas. As tarefas, unha vez finalizadas, son revisadas e corrixidas, permitindo a adaptación ao ritmo de traballo e circunstancias de cada persoa.
Destaca a acollida desta nova edición e ponse de manifesto a importancia destes programas como ferramenta para fomentar o envellecemento activo, a autonomía e a participación social e a calidade de vida da veciñanza, especialmente das persoas maiores da vila.

