Comezamos de novo as clases de memoria no Concello de Cuntis con moita ilusión e ganas de compartir novas experiencias, aprender, exercitar a mente e, sobre todo, pasalo ben!
Durante este mes de outubro e parte de novembro levamos a cabo un montón de actividades para traballar a memoria; Lemos poemas e textos para lembrar información, creamos palabras a partir de letras, fixemos series de números e letras, resolvemos problemas matemáticos relacionados coa vida cotiá e practicamos diferentes operacións. Tamén puxemos a proba a nosa capacidade de observación e asociación a través de retos nos que había que lembrar, relacionar e nomear elementos seguindo distintas pistas.
E, con motivo do Samaín, tamén tivemos una sesión moi especial na que propuxemos un reto por equipos: organizar un magosto calculando as cantidades e os prezos dos produtos e axustándose a un orzamento determinado. Unha actividade coa que traballamos a planificación, o cálculo e o traballo en equipo. Para rematar, celebramos un divertido Bingo de Samaín!
Ademais, non faltaron os xogos para seguir estimulando a mente dun xeito entretido, como a caixa misteriosa, o xogo de categorías, o Tutifruti, as palabras encadeadas e as adiviñas a través de preguntas.
En definitiva, unhas primeiras semanas cheas de aprendizaxes, retos, risas e bos momentos compartidos.
