Con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, os talleres de memoria que se desenvolven no concello de Pontecesures dedicaron unha sesión monográfica á reflexión sobre a igualdade e a aprendizaxe compartida.

A xornada iniciouse cunha análise de diferentes refráns populares, deténdose no machismo explícito ou implícito que moitos deles conteñen. As persoas participantes reflexionaron sobre o seu significado e propuxeron versións alternativas máis respectuosas e igualitarias, adaptadas aos valores actuais.

Posteriormente, afondouse na evolución dos dereitos das mulleres ao longo das últimas décadas. Comparáronse as vivencias de xeracións anteriores coa realidade actual, destacando os avances acadados pero tamén aqueles dereitos que aínda quedan por conquistar para lograr unha igualdade plena.

Para rematar, o grupo foi dividido en catro equipos máis pequenos, encargados de crear frases propias que promovesen a igualdade, resultado dun traballo colaborativo e creativo que puxo o peche á sesión.

Así, os talleres de memoria de Pontecesures sumáronse á conmemoración do 25N cunha actividade que uniu reflexión, participación e compromiso coa igualdade.