A segunda quincena do Campamento de Verán da CRA A Cantoñeira, na Biblioteca Infantil Lucho do Peto de Aido (Teo), estivo marcada polo bo tempo, que permitiu seguir gozando ao máximo do amplo espazo exterior. A natureza converteuse, un día máis, no mellor escenario para xogar, aprender e compartir experiencias.

Ao longo destes días, a rapazada participou en numerosas manualidades, xogos tradicionais, dinámicas en grupo, retos cooperativos, contacontos, lecturas e actividades ao aire libre, aproveitando o gran material do espazo, nas que non faltaron a creatividade, a imaxinación e as ganas de pasalo ben. Cada proposta foi unha oportunidade para aprender de forma divertida, desenvolver novas habilidades e descubrir que o traballo en equipo sempre fai as aventuras máis especiais.

O compañeirismo, o respecto, a axuda entre iguais e as risas volveron ser os grandes protagonistas dun campamento no que cada neno e cada nena achegou o mellor de si. Entre carreiras, xogos, momentos de calma coa lectura e pequenas creacións feitas coas súas propias mans, foron construíndo recordos que gardarán con agarimo.

Con esta segunda quincena despedimos un verán cheo de aventuras, aprendizaxes e amizades. Grazas a todas as familias e, sobre todo, aos nenos e nenas por encher cada día de ilusión, enerxía e sorrisos. Ata a próxima!