Durante o mes de decembro, as persoas participantes nos Talleres de Estimulación Cognitiva continuaron a súa rutina de exercicios mentais e actividades complementarias, incorporando nesta ocasión unha temática especial de Nadal. Ao longo destas semanas realizáronse tarefas específicas orientadas a exercitar a memoria, a atención e a coordinación, sempre nun ambiente lúdico e festivo que contribuíu a reforzar a motivación e o benestar das persoas maiores.
Entre as propostas destacaron os xogos e actividades de estimulación cognitiva, como dinámicas de asociación de imaxes, resolución de pistas e traballos de seriación e dedución adaptados a diferentes niveis. Ademais, leváronse a cabo manualidades, nos que os grupos elaboraron decoracións navideñas, que fomentaron a creatividade, a destreza manual e o traballo colaborativo.
Estas sesións festivas favorecen non só o mantemento das capacidades cognitivas, senón tamén a convivencia, a expresión emocional e o espírito comunitario propio destas datas. O ambiente alegre e participativo foi especialmente valorado polas persoas asistentes, que viviron o taller como un espazo seguro de encontro e celebración.
Para dar comezo ás vacacións de Nadal, organizouse unha merenda especial na que as persoas asistentes puideron compartir un momento de convivencia e celebración. A xornada completouse cun bingo navideño, que resultou moi participativo e reforzou o ambiente festivo propio destas datas.
Con estas actividades péchase un trimestre caracterizado pola alta participación e pola consolidación do programa, que continúa a demostrar a súa relevancia como ferramenta para promover o envellecemento activo, a autonomía e a mellora da calidade de vida da veciñanza maior de Caldas de Reis.

