Comezamos unha experiencia na Ludo de Nadal de Vilagarcía coñecendo á rapazada a través de dinámicas de presentación, aprendendo os nomes de todos/as e algunhas aficións. A través da  música expresamos como nos sentiamos: alegres, tristes, calmados, etc. Logo, creamos un debuxo que expresase como nos sentimos ese día, o cal despois se transformou nun billete de tren cara un lugar que lles gustaría viaxar. E finalmente, lemos o conto “O monstro de cores” fomentando a educación emocional e a convivencia dende o primeiro día.

Ao día seguinte profundizamos a alegría identificándoa coa cor amarela, facendo un mural colaborativo pintando un gran sol, o cal nos transmite dita emoción. Tras merendar seguimos fomentando o traballo colaborativo empregando globos para favorecer a unión do grupo.

Un novo día amanece na Ludoteca e tras o xogo libre vixiado de todos os días, falamos da emoción da calma. Entón fixemos a “Árbore da felicidade” onde cada neno aportaba a súa folla pintada e decorada coas cores da emoción que sentían ese día. Finalizamos con varias actividades musicais: unha onde a través de música suave a rapazada se movía como follas de árbore movidas polo vento, e as “Cadeiras musicais”.

Rematamos a primeira semana traballando a tristeza a partir dun conto e despois, nun gran círculo cada un ia compartindo situacións que lles transmitía esa emoción. A continuación, as crianzas crearon a súa propia nube de algodón a cal simbolizaba esa tristeza, podendo gardala e asimilala de xeito creativo. E finalizamos a xornada co conto “Lágrimas debaixo da cama” cunha reflexión conxunta.

Comezamos unha nova semana traballando o medo a través dun conto e a cativada debuxou aquelo que máis temía. Logo, creamos unha caixa para introducir os seus debuxos e fixemos unha posta en común reflexionando sobre esta nova emoción, incluíndo a valentía como aspecto a traballar. Tras repoñer forzas, fixemos un circuíto motor no que a rapazada tiña que superar unha serie de obstáculos que o facía máis valente, aprendendo a superar as adversidades que se poden presentar na vida diaria.