Un total de 23 nenos e nenas do municipio participaron no Campamento de Conciliación de Entroido organizado polo Concello de Frades, convertendo estes días nunha auténtica festa chea de cor, xogos e moitas gargalladas.
Dende primeira hora, a diversión estivo asegurada con xogos en grupo nos que non faltaron as carreiras, os retos por equipos e as probas máis tolas propias do Entroido. A enerxía e o bo humor foron os grandes protagonistas!
Un dos momentos estrela foi o obradoiro de pintacaras 🎨. Esta vez, os artistas foron eles mesmos, pintándose uns aos outros con moita creatividade: superheroes, princesas, xirafas e ata algún que outro personaxe fantástico encheron o campamento de cor e fantasía.
E como non hai Entroido sen doce, tamén se puxeron o mandil para participar nun delicioso taller de rosquillas. Entre fariña, azucre e moitas ganas de pasalo ben, aprenderon a preparar este doce tradicional que logo, por suposto, degustaron con orgullo. Estaban boísimas!
O campamento volveu ser unha experiencia inesquecible, combinando diversión, aprendizaxe e convivencia, ao tempo que axuda ás familias a conciliar nestas datas tan especiais. Sen dúbida, un Entroido para repetir! 🎊



