Durante o mes de abril nos Talleres de Envellecemento Activo do Concello de Dodro desenvolvemos unha programación variada centrada na estimulación cognitiva, o reforzo da linguaxe e o mantemento das habilidades básicas a través de actividades dinámicas, participativas e adaptadas ao grupo.
- Actividades de cálculo e razoamento lóxico
Ao longo das sesións realizamos exercicios con sumas e restas, así como operacións simples. Tamén levamos a cabo actividades de conteo e relación entre cantidades, favorecendo o reforzo da conciencia numérica.
Estas tarefas contribuíron a traballas o cálculo mental, a atención, a memoria de traballo e o razoamento lóxico-matemático.
- Actividades de linguaxe e vocabulario
Realizamos diversas propostas centradas no desenvolvemento da linguaxe, como sopas de letras e crucigramas relacionados co contexto de Dodro, que permitiron reforzar a memoria semántica e a asociación de ideas. Ademais, levamos a cabo exercicios de clasificación de palabras segundo a súa categoría, traballo de campos semánticos e actividades nas que había que identificar palabras que comezan ou rematan por determinadas letras.
Estas dinámicas favoreceron o uso de vocabulario, a fluidez verbal, a comprensión e a organización da información lingüística.
- Actividades de orientación temporal e memoria
Traballamos a orientación no tempo a través de preguntas e actividades relacionadas co día actual, feitos recentes (que fixeron hoxe ou a semana pasada) e a identificación de unidades de tempo e a súa duración
Estas propostas permitiron reforzar a memoria recente, a orientación temporal e a conexión coa realidade diaria, aspectos clave para a autonomía persoal.
- Actividades de atención, percepción e organización espacial
Desenvolvemos actividades centradas na atención e na percepción visual, como exercicios de identificar diferenzas entre imaxes e tarefas de seguimento de direccións mediante frechas.
Estas actividades favoreceron a concentración, a precisión, a orientación espacial e a capacidade de procesamento visual.
En xeral, o mes de abril estivo cheo de actividades enriquecedoras e significativas a nivel cognitivo e cultural!

