Ao longo deste mes continuamos traballando a estimulación da memoria a través de diferentes actividades e propostas lúdicas. Ademais das tarefas habituais, incorporamos novos xogos como o tan coñecido “Tutti Frutti”, que tiveron unha gran acollida e nos permitiron traballar a atención, a linguaxe e a axilidade mental dunha maneira divertida e participativa.

Este mes tamén tivo unha data especialmente significativa: o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Con motivo desta conmemoración, celebramos unha sesión dedicada á igualdade, na que, a través dun xogo de Memory sobre profesións e tarefas cotiás, reflexionamos respecto aos estereotipos de xénero. Tamén compartimos ideas e opinións sobre o que significa a igualdade, debatemos diferentes afirmacións de mitos e realidades e rematamos completando unha frase colectiva.

Foi unha xornada de reflexión, participación e diálogo na que puidemos compartir diferentes puntos de vista e lembrar a importancia de construír unha sociedade máis xusta e igualitaria.