O pasado 21 de setembro demos comezo a un novo curso do Obradoiro de Memoria do centro Socioeconómico de Porta do Camiño, en Santiago de Compostela, retomando as nosas sesións semanais e dando a benvida ás novas participantes que se incorporan este ano.

Durante estas primeiras semanas, centrámonos en recuperar o ritmo das clases a través de xogos e dinámicas participativas que nos permiten exercitar diferentes capacidades cognitivas dun xeito ameno e divertido. Comezamos con propostas como «Que levo na miña mochila?» ou «O sospeitoso», nas que a atención, a escoita activa, a retención de información e a rapidez mental resultan fundamentais para superar cada reto.

Tamén puxemos a traballar o noso vocabulario e a creatividade con xogos como as palabras encadeadas, o Tutifruti, o Tabú ou «Completar o cadro», nos que tivemos que buscar palabras, establecer relacións, elaborar descricións e recuperar información da nosa memoria.

A pizarra tamén foi protagonista destas sesións, con desafíos de ordenar palabras, descubrir refráns ao máis puro estilo da Ruleta da Sorte e atopar diferenzas, fomentando o razoamento, a concentración e a participación de todo o grupo.

Ademais, elaboramos os nosos propios cartóns de bingo de figuras xeométricas. Partindo dun modelo de referencia, tivemos que memorizar as figuras e as súas cores para reproducilas nos nosos cartóns e, posteriormente, desfrutar dunha partida de bingo tradicional.

En definitiva, unhas primeiras semanas cheas de xogos, desafíos e aprendizaxes compartidas coas que comezamos a exercitar a memoria, a linguaxe, a atención e a axilidade mental.