O pasado 21 de outubro deron comezo as clases de reforzo educativo de Valga, unha iniciativa dirixida a acompañar o alumnado de Educación Primaria que precisa dun apoio adicional no seu proceso de aprendizaxe.

A actividade desenvólvese todos os días da semana, de luns a venres, e organízase en dúas quendas, co obxectivo de ofrecer unha atención máis individualizada e adaptada ás necesidades de cada neno e nena:

  • Primeira quenda: de 16:30 a 18:00 h.
  • Segunda quenda: de 18:00 a 19:30 h.

Ao longo das sesións trabállanse diferentes aspectos do ámbito educativo. O alumnado recibe axuda coa realización dos deberes, reforza aquelas materias nas que atopa maiores dificultades, prepara exames e aprende técnicas e hábitos de estudo que lle permitan gañar autonomía e confianza no seu propio proceso de aprendizaxe.

A través deste acompañamento, buscamos ofrecer un espazo de apoio, aprendizaxe e motivación, respectando os ritmos individuais e proporcionando ferramentas que contribúan a mellorar o rendemento académico e a superar as dificultades do día a día escolar.

Porque cada neno e nena ten o seu propio ritmo e contar co apoio axeitado pode marcar a diferenza!