Durante o mes de novembro, a ANPA San Clemente organizou varias propostas educativas e de sensibilización dirixidas tanto ás familias como ao alumnado, co obxectivo de promover a igualdade, o bo trato e a educación en valores desde a infancia.
Os sábados 7 e 14 de novembro, celebrouse a Escola de Familias pola Igualdade e o Bo Trato, un espazo de encontro e aprendizaxe no que as familias puideron compartir experiencias, reflexionar e dialogar sobre as cuestións educativas que queremos manter e aquelas que precisamos transformar na crianza das nosas fillas e fillos.
Ademais, a Escola de Familias incluíu unha actividade conxunta entre as familias e as crianzas, que consistiu na elaboración dun mural colectivo no que se representan diferentes tarefas e actividades corresponsables, poñendo en valor a importancia de compartir os coidados e as responsabilidades no fogar. Este mural quedará exposto no propio centro educativo como ferramenta de sensibilización e aprendizaxe. Así mesmo, fixéronse chegar ao centro outros dous murais destinados ao alumnado de Educación Infantil.
O luns 16 de novembro, as actividades trasladáronse ao centro educativo: O alumnado de Educación Infantil gozou do contacontos «Rosa Caramelo», unha historia que invita a cuestionar os estereotipos de xénero e a reivindicar a liberdade de ser e medrar sen imposicións. O alumnado de Educación Primaria participou nunha sesión sobre «A igualdade no día a día», centrada na identificación dos roles de xénero, na corresponsabilidade e na importancia de construír fogares máis igualitarios, nos que todas as persoas compartan tarefas e responsabilidades.
Grazas á ANPA San Clemente por impulsar propostas que educan para unha sociedade máis xusta e igualitaria!

