
Durante o mes de maio, os Talleres de Envellecemento Activo do Concello de Dodro viviron un mes especialmente enriquecedor en actividades, combinado a estimulación cognitiva coa celebración de datas sinaladas do calendario cultural e familiar, así coma o reforzo da linguaxe e a expresión creativa.
- Celebrando o Día da Nai e o Día das Letras Galegas
Dúas datas marcaron este mes de maio: o Día da Nai e o Día das Letras Galegas. Así, os grupos participaron en actividades que fomentaron o recordo e a expresión persoal. No Día da Nai, reflexionando sobre esta xornada e o rol de nai, ademais de actividades coma o puntillismo empregando pintura. Con este tipo de propostas, favorécese a motricidade fina, a coordinación ollo-man e a presión e precisión do trazo.
No Día das Letras Galegas, aprendemos acerca de Begoña Caamaño e puxemos en práctica o aprendido a través de actividades sobre a súa vida, exercitando a atención e a memoria.
- Traballamos a linguaxe!
Continuamos traballando diferentes aspectos da linguaxe a través de palabras encadeadas, exercicios de busca de palabras, sinónimos e antónimos, palabras que comezan ou rematan por determinadas letras ou sílabas e propostas de asociación verbal. Tamén levamos a cabo actividades de construción de frases a partir de palabras desordenadas, traballando a comprensión, a sintaxe e a expresión lingüística.
- Cálculo e razoamento lóxico
Durante as sesións realizáronse tamén actividades centradas no traballo cos números, como exercicios de ordenar cifras de maior a menor, actividades de conteo e operacións matemáticas simples. Así mesmo, exercicios de conteo de moedas e resolución de operacións básicas.
Estas tarefas contribuíron ao mantemento do cálculo mental, da atención e do razoamento lóxico-matemático, promovendo a autonomía e a axilidade cognitiva.
O mes de maio destacou pola realización de actividades variadas e estimulantes, promovendo a creatividade e desfrute das persoas participantes!
