
Co remate do curso, o Taller de Memoria do Centro Sociocomunitario de Porta do Camiño pecha unha nova etapa de traballo centrada na estimulación cognitiva e na promoción do envellecemento activo; un curso cheo de aprendizaxes, retos compartidos e moitos momentos de encontro.
Ao longo destes meses desenvolvéronse sesións semanais nas que se traballaron diferentes capacidades cognitivas a través de actividades adaptadas ás características do grupo. As propostas estiveron orientadas ao reforzo da memoria, a atención, a linguaxe, o razoamento e o cálculo, combinando exercicios individuais e dinámicas grupais.
Entre as actividades realizadas destacan os exercicios de formación de palabras, crucigramas, sopas de letras, comprensión lectora, lectura compartida, cálculo funcional, ditados, actividades de ortografía, xogos de vocabulario e diferentes retos de lóxica e dedución. Tamén se empregaron recursos lúdicos como a ruleta da sorte, o bingo ou o tutifruti, que permitiron traballar os contidos dun xeito dinámico e participativo.
Durante o curso realizáronse ademais actividades vinculadas a distintas celebracións e datas sinaladas, incorporando contidos culturais e tradicionais que favoreceron a participación e o intercambio de experiencias entre as persoas asistentes.
A valoración xeral do curso é positiva, tanto pola implicación mostrada polo grupo como pola continuidade na participación ao longo das sesións. O taller consolidouse un ano máis como un espazo de aprendizaxe, estimulación cognitiva e participación activa.
Agradecemos a todas as persoas participantes a súa asistencia e colaboración ao longo deste curso e desexámoslles un bo verán.
